Contubernio europeo

Contubernio é, na súa primeira acepción léxica, a unión de persoas ou cousas con fins pouco lícitos. No dicionario da RAG, a xeito de exemplo para entender o alcance da expresión, utilízase o simil do “contubernio do poder coa mafia”. O académico que incluíu esta frase con certeza non reparou no fenómeno histórico que representou o destacado Contubernio de Múnich, rótulo a xeito de mofa que o diario falanxista Arriba acuñou respecto da xuntanza que, nesta cidade bávara, concentrara a máis dun cento de representantes de boa parte da oposición democrática ao réxime ditatorial franquista convocados pola autoridade moral de Salvador de Madariaga; acontecemento que coincidiu, en xuño de 1962, coas heroicas folgas da minaría asturiana e leonesa. Daquela, o goberno de Franco, vira frustrado o seu intento de integrarse na Comunidade Económica Europea xurdida de valores e propósitos situados na antítese do totalitarismo español.

Aínda así, reparando nos sinónimos do substantivo masculino, contubernio, que nos achegan as palabras de amaño, complot, confabulación, maquinación e trama, entre outras nas que citan os termos de acordo, entendemento, trato e cohabitación, con toda lexitimidade debemos considerar un absoluto e claro xeito de contubernio a decisión dos responsables de gobernos da Unión Europea á hora de decidir a escolla das persoas que representarán ás institucións da organización continental como imaxe visíbel dos organismos máis relevantes. Detrás desta decisión fica unha falsa unión política que amosa distanciamento coa cidadanía europea nun proceso de divorcio que é síntoma de falta de alternativas ou proxectos que animen á identificación da xente coas políticas comúns e, pola contra, contribúan a fenómenos de rexeitamento, caso do “brexit”.

Velaí o feito de violentar a tradición de optar por unha presidencia da Comisión que recaese sobre unha persoa que, á súa vez, fose membro do Parlamento Europeo, facendo desa coincidencia unha apelación ao valor do voto popular na xestión institucional. Coa dinámica de poder soportada sobre os dirixentes gobernamentais, as designacións importantes de Presidenta da Comisión ou á do BCE son lóxicos premios principais que deixan os menores de consolación para figuras sen poder real, alén da enganosa denominación, casos da Política Exterior, presidencia parlamentaria ou á do Consello Europeo. Márcase o centro de mando e a función auxiliar. 

Visto o visto, a respecto do poder europeo, “amancebamento” é estado no que dúas persoas fan vida en parella sen matrimonio formalizado; porque viven en contubernio.

Contubernio europeo

Te puede interesar