A conxunción dos astros

O Nadal, ademais de reunións, luces e festas, trae consigo todas as súas historias. Unha delas é de como tres meigos de Oriente chegaron a Xerusalén para adorar ao rei dos xudeus que acababa de nacer, e, segundo conta a tradición, viñeron ata el seguindo o ronsel dun gran sinal no ceo, a xeito dunha rota GPS en tempos no que esta tecnoloxía aínda non era máis que unha exótica fantasía dunha mente iluminada. Na literatura bíblica dísenos que se achegaron cargados de agasallos, materiais valiosos na época que agás do mítico ouro, hoxe en día os demais, a “mirra” e o incenso, pouco valor teñen xa;  para presentarse no que agora consideramos o berce so neno Xesús, unha sinxela corte de vacas, xustamente seguindo a guía desa estrela fugaz que se popularizou como a “estrela de Belén”.  Unha estrela que continúa a ser parte resistente desa historia do Nadal que arrastra certa incoherencia coa lóxica das cousas, entre elas esa curiosa forma de corte na historia da humanidade: Antes de Cristo, e despois del. Velaí como por necesidade do relato que impuxo o Imperio Romano, o deus fillo que marca esa fronteira dos tempos, contraditoriamente veu nacer seis días antes de iniciarse a súa era. Cousas veredes...

Alén da progresiva laicización das sociedades occidentais que fan que o Nadal deixe de ter o significado relixioso que orixinalmente se lle atribuía, a ciencia explica que nestes días, novamente após oitocentos anos sen producirse o fenómeno astronómico, podemos ollar na bóveda celeste esa “estrela de Belén” que non é máis que a aliñación dos satélites Xúpiter e Saturno creando a ilusión óptica dunha única estrela con brillo intenso. Co coñecemento científico non vén a conto facer da ocasión unha interpretación hermenéutica a xeito de código escrito na ringleira torcida do Deus do firmamento cósmico, aínda que certamente coa pandemia vírica que soportada a globalidade do planeta Terra, o momento é idóneo para saber que estamos diante dun período de mudanzas e cambios sociais porque o mundo no está parado, porque “eppur si muove”.

Velaí, senón, o movemento dos poderosos que veñen de poñer en marcha o chamado “Consello polo capitalismo inclusivo”, coa vista posta no próximo Foro Mundial de Davos, para vender unha alternativa que, sen mudar o básico, amose xeitos máis éticos, propaganda polo verde, colaboración pública e privada e mudanzas tecnolóxicas inclusivas. Coa beizón vaticana.

A conxunción dos astros

Te puede interesar