Corre, a lingua non para!

Unha viaxe de miles de quilómetros comeza por un só primeiro paso. Frase que aceptamos ser de autoría popular dun milenario proverbio chinés, porén podería ser un magnífico chamado publicitario para poñer en valor o froito dunha decisión moi ben atinada. Velaí o recoñecemento do que é merecente o proxecto de actividade chamado “Correlingua”, denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, impulsadas por varias entidades militantes a favor da lingua, do sindicalismo no ensino ou do asociacionismo socio-pedagóxico, configurando así “unha proposta de carácter educativa e lúdica que pretende convidar á mocidade e á infancia; sumando aos centros educativos a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegas e galegos a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro”. 
Así, esa viaxe que vai pola edición número dezaoito suma xa máis de dous milleiros de quilómetros percorridos por máis de corenta mil rapazas e rapaces de máis de douscentos centros de ensino distintos. Máis, e moito máis sigue sumando este programa que, puntual á cita anual, está enchendo as rúas e prazas das cidades e vilas do país; nesta ocasión baixo o lema “A lingua non para”. Voz e imaxe para darlle visibilidade á causa da lingua que bebe do traballo previo de numerosas persoas que antes das carreiras, ou da festa final, mesmo xa co inicio do curso escolar dinamizan e coordinan os concursos de participación do alumnado; isto é, á do manifesto, dirixido á rapazada de Secundaria; o de banda deseñada, para alumnos de Infantil e Primara; e o de vídeo que nesta edición dividiuse en dúas categorías, para os máis pequenos e para o resto. 
Coa presenza institucional dos rexedores que avalan cada pequena celebración local, faise patente a necesidade de prestar atención desde as instancias políticas e sociais ás chamadas de alarma que mostran os datos estatísticos a respecto da perda de falantes entre a poboación máis nova en idade, razón que incrementa o interese que ten a dinamización lingüística entre a mocidade que precisa dunha linguaxe e metodoloxía motivadora, para facer do uso do galego algo cotiá e valorado, instrumentos propios das tendencias que caracterizan á xeración máis achegada ás novas tecnoloxías e aos hábitos e gustos artísticos deste seu tempo. 
Difusión do idioma coa participación dos propios destinatarios que vai no manifesto gañador, un rap dos “labregos da linguaxe” que rematan considerando: “Queremos que che queda claro/ que o galego hai que falalo./ Así que na escola/ na casa ou na rede,/ recorda,/ a lingua non para!”.

Corre, a lingua non para!

Te puede interesar