A creatividade expresada coas mans

o universo dos consellos, pautas de actuación e técnicas de felicidade prevalece a opinión de que debe primarse a comunicación das boas noticias, diante das malas. Por iso, sabemos que a boa nova na cultura galega é a oportunidade de ver a exposición “Pensar coas mans”, con materiais e didáctica da cestería, cerámica e xoiería do país que se mostra no compostelá Museo Centro Gaiás diso que coñecemos popularmente pola Cidade da Cultura. Con tempo por diante, até o mes de setembro, a exhibición “ofrece unha visión da artesanía, no só como gardiá de oficios en perigo de desaparecer, senón formulando unha idea de futuro que fala da beleza dos materiais naturais e da capacidade dos obxectos para expresar a nosa identidade” en sabias palabras dos organizadores deste evento que amosa un xeito fundamental da creatividade manual en conexión do pasado cun futuro no que este proceso artístico está a ser valorado como produto que esperta o interese comercial das grandes marcas de bens de luxo e publicacións da moda.
Para alén do patrimonio cultural que representa esta produción creativa, aínda sabendo que non lle fai xustiza o vocábulo limitado da palabra “artesanía” por ser esta percibida como de menor valor artístico na opinión pública, a dimensión económica no noso ámbito territorial supón máis de cinco mil postos de traballo, a maioría femininos, consideración de xénero que leva ás mulleres a ser propietarias de trescentos trinta obradoiros, máis da metade do total que figura no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. A importancia económica sitúa o negocio derivado desta actividade en preto ao tres por cento do Produto Interior Bruto galego, que fai do sector da cerámica e olería arredor do quince por cento do sector produtivo artesán, algo por diante do da xoiería, forxa, ourivería e traballos en metal. Factores simbólicos plasmados na decoración desta exposición inspirada no libro “As sete lámpadas da arquitectura” na que o autor sinalou os valores que, ao seu xuízo, deben iluminar o traballo dos artesáns: Sacrificio, verdade, poder, beleza, vida, memoria e obediencia. Abofé, tamén iso é o que se exhibe na exposición do Gaiás. 
Oportunidade para facer público recoñecemento aos obxectivos do Proxecto Louceiros de Bamio, teimosa pescudas de materiais históricos que as mulleres desta parroquia vilagarciá, coordinadas pola historiadora Beatriz Comendador, levan realizando para facer memoria dos centros de artesanía que situaron a esta localidade no mapa da olería e da louza artesá galega ata os anos corenta do século pasado. Pesadume da súa perda activa que engadir á desfeita dun patrimonio que, outra vez máis, suma elemento á lista vermella do catálogo estatal “Hispania Nostra”, nesta ocasión co colexio Santiago Apóstolo de Camposancos; relación na que xa figuran, en Vilagarcía, a Casa Becerra, a dos Duques de Terranova e máis o Pazo do Pousadoiro. É mala noticia.

A creatividade expresada coas mans

Te puede interesar