Cultura Lusófona

ai máis días que longaínzas, sentencia o refraneiro popular galego nunha influenza idiomática que nos vén de fóra, da veciñanza española afeita a comer este embutido. Para o que procede de reflexión, pouco importa esta orixe. O certo é que na metafísica do común, a expresión ten a ver coa carencia de cousas, especialmente as de alimentación máis sabedeiras, metáfora da pobreza e da desigualdade á hora de dispor de recursos. Porén, se poñemos vista noutra ollada notamos que, para a retranca galega, o considerado filosófico antes dito vírase do revés cando vemos que nesa feira incansábel de conmemorar causas xustas, inxustamente tratadas por comportamento social ou decisións de política económica ou institucional, cada día do ano vai sobrado e ata cheo de celebracións do que debía ser e na realidade non é, e mesmo por veces é absolutamente todo o contrario, nunha especie de colapso circulatorio que agocha historias e asuntos que pasan a un plano secundario polas modas do momento. Caso manifesto, este pasado 5 de maio, da orientación do foco de luz xornalística e da opinión pública na observación do “Día mundial da hixiene de mans” dentro da campaña soportada polo lema “Salva vidas, limpa as mans”, ben acaído ao tempo de pandemia planetaria que ten confinado a boa parte da poboación terrícola. Mágoa diso é que agachou, entre nós, a cita do Día da Lingua Portuguesa e da Cultura Lusófona.
Ocasión, iso si, aproveitada polo Consello da Cultura Galega para facer público o informe titulado “O valor do Portugués en Galicia”, o primeiro grande estudo que analiza o uso, actitudes e ensino desta lingua no noso país. Documento elaborado polo Observatorio da Cultura en base unha extensa sondaxe orientada a coñecer a competencia en portugués e noutras linguas estranxeiras con acento posto na actitude da cidadanía do país de cara a esta lingua e ao grao de coñecemento da chamada Lei Paz Andrade  que debería facilitar, entre outras medidas, que o portugués sexa unha materia de aprendizaxe no ensino secundario galego. 
Malia o pouco interese que se deduce do comportamento das autoridades culturais galegas á hora de participar na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, CPLP, entidade gobernamental de impulso diplomático da cultura lusófona, alén das diferentes codificacións lingüísticas na que se expresan os idiomas en cada territorio relacionado; o estudo presentado polo  Consello da Cultura ratifica que “o portugués é a lingua estranxeira que conta con maior porcentaxe de persoas con  algún nivel de competencia, aínda que en maior medida son básicas” cousa que considera ser froito dun aprendizaxe informal e espontáneo, facilitado pola proximidade xeográfica e a relación que une ás persoas de ámbolos dous marxes dun muro interposto que precisa ser derrubado. 
As letras de honra na memoria de Carvalho Calero é boa ocasión para proxectar a nosa identidade cultural na fala común de preto a trescentos millóns de persoas; na Cultura Lusófona.

Cultura Lusófona

Te puede interesar