Da encrucillada ao labirinto de camiños

a literatura bíblica atopamos o caso da multiplicación do pan e do peixe, catalogado como milagre ao responder a unha capacidade divina, fóra do territorio da física e da racionalidade. Fenómeno extraordinario reconvertido polos matemáticos co factor multiplicador capaz de facer o mesmo só coa operación numérica aplicada á variábel axeitada. Filosofía de vida e alquimia metafísica que neste país das e dos galegos, constitúe un desatino institucional que conecta coa fartura no comer e no beber que historicamente presidiu a nosa mesa de xantar. Velaí os tres aeroportos a competir entre si, as tres universidades diferentes ou á superposición de portos de interese xeral, entre outras moitas mostras da bonanza na construción de realidades que non son capaces logo de apuntalar a súa traxectoria no tempo. Por iso, non debe estrañar que se presenten dúas diferentes propostas á UNESCO, relacionadas co territorio do Parque das Illas Atlánticas, á procura do seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. Non fondo da cuestión é un xeito de retranca galega para tolear ao Comité da Asemblea Xeral deste organismo internacional que debería considerar o asunto na xuntanza do próximo ano en Fuzhou, na China.
No caso galego, xa contamos coa inclusión de cidades no Patrimonio Cultural, Compostela polo seu casco histórico e Lugo pola súa muralla milenaria, aos que se suma o Camiño de Santiago e, tamén, as construcións coa técnica da pedra seca. Nestes casos, representando unha obra mestra da capacidade creativa do ser humano. Testemuño dun importante intercambio de valores a través do tempo que abranguen aspectos arquitectónicos, artísticos e de intervención na paisaxe que achega aos nosos tempos algunha edificación que é símbolo dunha pasada etapa histórica da civilización universal. Apenas catro casos dunha lista mundial que supera o milleiro. Na lista de quenda dos casos pendentes de tratar, está agardando a candidatura da Ribeira Sacra.  Lémbrese que a nivel de estados, o ámbito territorial español con preto a cincuenta recoñecementos é o terceiro, detrás do italiano e do chinés, pola cantidade dos máis catalogados. 
Coa reivindicación da veciñanza de Ons, impedidos de acceder coa liberdade necesaria aos seus predios de referencia, salta tamén a inquedanza que representa a multiplicación de rutas por aquí e por acolá nese grande programa turístico no que veu en converterse o Camiño de Santiago, afastado definitivamente do eixe espiritual das peregrinacións a Compostela, equiparábeis ás de Roma e Xerusalén na tradición cristiá, cantadas no Códice Calixtino, unha primeira guía para os romeiros con indicación das lendas xacobeas, milagres e memoria desta “autovía do coñecemento” europeo. Porén, coa transformación que vén experimentando, cada vez máis orientada ao negocio mercantil, a encrucillada de camiños que levan á Catedral de Santiago está a se converter nun labirinto de indefinición estratéxica. Nisto e no outro é hora de obrar con xeito.

Da encrucillada ao labirinto de camiños

Te puede interesar