Da fala e da escrita

íxose xustiza á fin. Non foi sen causa que a Real Academia Galega dedicara o Días das Letras á memoria de Carvalho Calero, aínda que non sexa de uso común esta grafía empregada por el para asinar a súa obra nos anos finais de vida, coa forte carga de intencionalidade que iso representou a respecto do seu compromiso na defensa da adopción dunha ortografía próxima á lingua portuguesa para o galego e a aceptación desta posición lingüística como referencia fundamental do estándar para o noso idioma. Probabelmente isto foi a causa, publicamente non recoñecida, de que se adiara tanto no tempo a decisión que finalmente vén de adoptar o Pleno da institución académica do galego cun acordo, case que totalmente unánime, tomando como pretexto formal a conmemoración do cento décimo aniversario do nacemento deste intelectual.

Certo é que o profesor, ferrolán de berce, xunta a efeméride redonda do nacemento coa do trixésimo aniversario da súa morte de xeito que ámbalas dúas semellan unha boa casualidade para esta feliz decisión que tanto se fixo agardar no tempo á hora de honrar, lembrando, a “unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX” que desenvolveu unha traxectoria vital fondamente relacionada coa historia do galeguismo republicano, expresada no labor de investigación e de difusión cultural do Seminario de Estudos Galegos, na colaboración activa coa revista Nós, na redacción colectiva do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicándose activamente na estratexias de recuperación do idioma galego, destacando na creación literaria, na crítica e na investigación filolóxica, inaugurando a primeira cátedra de Lingua e Literatura Galegas e ocupando, tamén,  unha merecida cadeira de numerario na RAG. 

A obra de creación literaria de Carvalho vai da narrativa até a publicación de libros canónicos de teatro e poesía en número superior aos vinte títulos diferentes. Porén, na súa extensa produción destacan os seus estudos sobre a literatura, que con frecuencia atravesan as fronteiras entre os xéneros didáctico e ensaístico. Moitas son as obras a subliñar á procura de sistematizar a literatura galega da segunda metade do século XX, estudos sobre Rosalía, Castelao ou a faceta de articulista e conferenciante. Reparemos, por simbólico, no publicado por Galiza Editora baixo o título de “Da fala e da escrita”, continuidade da liña antes transitada por “Problemas da lingua galega”, da editora lisboeta Sá da Costa, constatando a problemática da lingua propia que soporta os castelanismos introducidos na fala popular, consecuencia da presión cultural española exercida polos medios de comunicación de masas provocando así un abandono do uso social do idioma.

Mágoa da opinión ignorante do Presidente do Instituto Camoes, encol da orixe galega do actual idioma portugués, xusto cando comeza a camiñar o “Foro Inés de Castro” que procura abrir unha nova xeira nas relacións culturais nun ámbito idiomático, tan próximo e á vez  tan afastado de nós.

Da fala e da escrita

Te puede interesar