A derradeira fronteira de Europa

A derradeira fronteira de Europa non é ningunha liña, física ou artificial, que separe dous estados ou países deste vello continente condenado a unirse. Non, non é iso. É a definición máis axeitada, polo que contén de metáfora, para ese xeito de abuso total e absolutamente inxustificable que coñecemos polo “roaming”, fórmula imposta polas operadoras de telefonía móbil para sangrar á clientela que precisa facer uso del.  Así, o “roaming” (a palabra en inglés, na súa fonética, semella expresar mellor a crueldade do xeito de actuar das multinacionais cá equivalente de “servizo itinerante”) constitúe esa derradeira fronteira europea, cun impacto moi negativo para os cidadáns en especial sobre a economía e os traballadores da fronteira.
Por iso, a Comisión Europea propuxo a súa eliminación e o Parlamento Europeo ratificou, concretando a súa desaparición o 15 de decembro de 2015. Porén, utilizando ese indecente dereito de veto que exercen os Estados membros da Unión Europea, con lamentable papel de España e Portugal, neste asunto, freouse a proposta parlamentaria, antepondo o interese das operadoras ao da cidadanía vítima do abuso e pretenden adiar a eliminación do “roaming” ata o ano 2018. Aínda así está pendente un acordo final. Estamos diante dun desafío, a cidadanía fronte á presión dos grupos empresariais que buscan agrandar o beneficio do negocio. Neste caso, violentando un dos principios básicos que consagra o Mercado Interior Europeo, afectando ao dereito cidadá a moverse libremente polo territorio da Unión. Coa imposición da tarifa superior, o sobre custo, impídese esa igualdade de trato que vai no ADN da esencia comunitaria. É tempo de mobilización cívica, de exercer o contrapeso que force aos Estados a modificar a súa postura. Acadar un rápido final para a práctica abusiva das telefónicas.
Nese camiño, o Eixo Atlántico, organización fronteiriza de base que une a concellos galegos e do norte portugués, vén de chamar a recollida de sinaturas a través da plataforma “change.org/zeroroaming” para turrar, licitamente, dos gobernantes procurando que decidan, de vez, evitar que se paguen chamadas recibidas desde o estranxeiro, facelas fóra coas condicións da operadora de orixe, librarse da sorpresa na factura que se produce á veciñanza fronteiriza pola invasión das redes foráneas ou non perder comunicación ao entrar no territorio doutra operadora. É necesario sumarse á iniciativa. Unha sinatura para derrubar a última fronteira europea artificial.

A derradeira fronteira de Europa

Te puede interesar