Devastar os marcos

Palabra de Muller é lema acaído para tributar lembranza de memoria á figura de Luísa Villalta, filóloga, escritora e aínda violinista cando se conmemoran quince anos da súa morte. Homenaxe institucional e académico coa análise da súa obra que ademais precederá á folga xeral de mulleres do oito de marzo porque “se hai un trazo característico que atravesa de xeito integral toda a múltiple e vizosa escrita da autora este é, a non dubidalo, o da súa inequívoca pegada feminista, pois só dende a asunción da loita a prol da igualdade de xénero e o apoderamento da muller é posible entender moitas das xeniais páxinas desta extraordinaria creadora”. 

Á personalidade humana e cultural da autora de Ruído, súmase a decisión da plataforma de crítica literaria, A Sega, que vén de acordar dedicar o Día das Galegas nas Letras á figura de Xela Arias, voz literaria mágoa que morta aos corenta e un anos deixando atrás unha carreira exemplar como poeta, tradutora en varias linguas e profesora; ao que engadir a súa labor nunha afamada editora en lingua galega. Marcada dende a infancia na vocación de compromiso, docencia e militancia na cultura propia que lle impulsou a familia na que o seu pai, Valentín, é un referente. 

Escachar a palabra é título do Manifesto Nosa das Letras que as promotoras do evento difunden para sinalar que Xela Arias “retorceu as palabras, escachounas. E no seu xesto inconmensurable aliméntanos con anacos para converternos nós tamén en escachadoras, para espallar a súa rebeldía e talento incomparable”, porque “ela, a treboada apoiada no permanente espello, pariu o fillo do que ninguén nos falara. Fíxose corpo. Deunos voz. Perseguiunos coa súa forza, intemperiadas, até un infinito que chegou demasiado axiña. Arrasou os marcos, desbotou as imaxes para quedar coas palabras”. É dicir, pioneira do compromiso social e da causa feminista.

Tempo haberá, ata o 15 de Agosto, para continuar afondando na obra e na personalidade dunha autora que peta con forza na porta da Real Academia Galega para ser considerada na celebración do outro Día das Letras, o do 17 de Maio. Teima necesaria e xusta porque en Xela “a palabra permanece. Permanecen os seus anacos que non buscan recompoñernos, senón escacharnos por dentro. Transgredir e transcender. Abrindo dun lado e doutro un cento de espellos nunha imaxe súa que quixeron representarnos solitaria, mais que agora é nosa para multiplicala, porque nela nos recoñecemos”. Símbolo de rebeldía na causa colectiva de todas as mulleres galegas.

Velaí a esencia dese mandil que pendurará nas fiestras e balcóns do país, símbolo de insubordinación no Día Internacional das Mulleres, mobilizadas para devastar os marcos das moitas discriminacións que soporta nun mundo manifestamente inxusto para elas.

Devastar os marcos

Te puede interesar