Do glamour ao pedigree

Para situar a terminoloxía deste título, que opta por expresión importada doutro idioma, lembremos que “glamour” é referencia ao encanto natural que fascina á xente. Unha cousa que ten un moito de misterio e de feitizo no imaxinario das persoas que cobizan vidas fantásticas, fóra do mundo real no que toca soportar traxectoria incómoda e biografías marcadas polo sufrimento. É, tamén, idea de elegancia e beleza, moi característico da faciana e corpo de artista do celuloide, do universo da moda e da estética que nos venden as publicacións do irreal planeta romántico. Iso é xustamente, nestes días, o panorama da fauna humana que arrodea o Festival de Cannes, na Costa Azul francesa que suma xa setenta e dúas edicións con todo o merecemento de honra e recoñecemento pola súa labor cultural; cousa que non se pon en cuestión, todo o contrario. 

Pedigree é sinal da xenealoxía animal de raza pura; incluso xenealoxía dunha persoa, que non é dicir pouco. Certo é que moitas veces o asunto vai con retranca e adoita ter un matiz irónico. Aínda así, aquí tómase como referencia do animal que coñecemos por can, de palleiro por suposto, que no seu plural lévanos ao Festival de Cans. Falamos da pequena localidade do Val da Louriña que reta, co seu festival de cine, á mítica Cannes da costa mediterránea. O feito da semellanza fonética de ambas as dúas toponimias facilitou a cousa. Sen complexos. Fronte á fascinación gala, humor á galega e ambiente de festa rachada. Fórmula máxica que nunca falla. Diante da longa traxectoria do certame da Riviera francesa, posta en valor da imaxinación e o máximo atrevemento. Con ou sen permiso, faltaría. Consolidado nesta edición número dezaseis. 

Este ano o Festival da parroquia porriñesa outorgará o seu máximo galardón ao actor vilagarcián, Carlos Blanco, como recoñecemento pola súa traxectoria de case tres décadas no mundo da interpretación. Non podían escoller mellor para identificar unha carreira dun dos profesionais máis icónicos da escena galega que suma máis dunha ducia de series de televisión, entre elas a mítica Mareas Vivas e a recentemente laureada Fariña, ao seu papel destacado na comedia e no ámbito do monólogo que completa con filmes baixo a dirección de grandes referentes do audiovisual. 

Cans, a localidade galega, fala o noso idioma. Porén, Cannes, a francesas, nesta ocasión tamén por medio da proposta de Oliver Laxe, que converteu a súa película, “O que arde”, na primeira que se proxectou en lingua galega no prestixioso festival francés. Unha historia, entre realidade e ficción, que aborda o traballo das brigadas de loita contra o lume e unha reflexión sobre os incendios e os seus efectos, a piromanía e as relacións veciñais. O cosmos do cine, aquí e acolá.

Do glamour ao pedigree

Te puede interesar