Un doce con sorpresa

Doce é, por natureza lóxica, algo que produce sabor agradable ao gusto, como o do azucre ou do mel; polo tanto, que non ten sabor picante ou salgado, comparado con outras cousas da mesma especie. Daquela, na simboloxía figurada do carácter humano é sinónimo de tenrura, bondade e benevolencia. Carácter, formas e olladas doces que representan a bondade a pleno rendemento. Así e todo, non poucas veces, detrás desa pantalla agóchase algo negativo e sorprendente. Sorpresa que ten unha boa expresión no doce característico do Día de Reis da tradición occidental nacida da celebración relixiosa que se coñece como Epifanía do Señor, lembranza da adoración daqueles magos de oriente na corte onde a iconografía sitúa o nacemento de Xesús. 

Velaí, esa peza de pastelería a xeito de doce redondo, non moi alto e cun burato no medio, que nun lugar deste país coñecemos por rosca e noutro por roscón, exportábel á tradición doutras xeografías na proximidade á nosa que na portuguesa chaman “o bolo do Rei”, en na francesa “o Rei da faba”, na súa translación cultural realmente vén da tradición culinaria da celebración imperial nas “saturnais romanas” por ser un doce que se repartía entre escravos e amos para conmemorar a chegada dos días de sol que se agrandaban a partir do solsticio de inverno. Esa forma de incluír dentro unha faba amarga, agora con connotación negativa para quen teña a mala sorte de atopala no seu anaco, naquela época era ao revés: A persoa escrava á que lle tocaba era condecorada co título de “Rei de reis” e tiña dereito a un día libre. Velaí o berce dunha tradición que foi axustándose aos vaivéns do interese imposto polos poderosos, nun e noutro curruncho do planeta, porén que non mudou a esencia do seu nacemento, alén de dous milenios xa pasados. 

Con todo, moito antes das modernas Cabalgatas de Reis a celebración non tiña o acentuado carácter infantil que hoxe en día ten no ámbito peninsular. Esta orientación é froito dos últimos séculos para facilitar o negocio mercantil que motiva á compra de agasallos, especialmente brinquedos para nenas e nenos, baixo un protocolo que foi socialmente integrándose como ritual: Primeiro escríbese unha carta co pedimento e argumentos de comportamento, para facerse merecedor del, que se envía ao carteiro real. Chegada a Noite de Reis, fóra das casas deixaranse un ou dous zapatos para recibir o pedido e, noutro lugar próximo, algunha vianda e bebida para os máxicos visitantes e os seus animais de transporte. Ao amencer do día, saberase do resultado da sentenza real: De ser bos, o xoguete pedido; caso contrario, un tizón de carbón. Iso si, doce.

A muda dos costumes, o cosmopolitismo que remeda usos alleos aos noso e intereses comerciais están transformando unha celebración, na que xa se perdeu de vez o Cantar dos Reis. Esencia antropolóxica radicalmente alterada polo mimetismo foráneo que vén xa de tempos inmemoriais.

Un doce con sorpresa

Te puede interesar