O EFECTO MATEO

N a socioloxía, chámase “efecto Mateo” ao fenómeno de acumulación de riqueza. Proceso polo que “o rico faise máis rico e o pobre faise máis pobre”. Velaquí por onde vai ir a reflexión. Antes dicir que a escolla da expresión tomouse dun evanxelista, Mateo, en base dunha cita incluída na parábola dos talentos, na que di “ao que máis ten máis se lle dará, e ao que menos ten, quitaráselle o que este ten para darllo ao que máis ten”. Visto así, semella ser moi pouco respectuoso co principio de igualdade, polo tanto manifestamente inxusto. Para interpretación teolóxica, doutores ten a Igrexa Católica. Dado que da parábola deriva intelixencia, aptitude e talento; o tal efecto ten outra diferente acepción na psicoloxía e no campo educativo. Mais iso é outro tema.
Porén, no campo económico, político  e social, o “efecto Mateo” cobra unha dimensión de máxima actualidade á vista do informe “Gobernar para as elites. Secuestro democrático e desigualdade económica”, traballo rigoroso, preparado pola ONG Oxfam Intermón e difundido agora coincidindo coa celebración do Foro Económico Mundial que se está a celebrar estes días, para poñer de manifesto que en países como España, as 20 persoas máis ricas teñen un patrimonio semellante aos ingresos de preto aos dez millóns de cidadás máis pobres. Mais aínda, o Estado español é o segundo, entre os da Comunidade Europea, con máis alto grao de desigualdade. Medalla de prata, o ouro é para Letonia. Éxito dramático. No mundo enteiro, a dia de hoxe, o 1% das familias máis poderosas acaparan o 46% da riqueza.
De non mudar as políticas económicas, isto agravarase co paso do tempo. Así, se antes da crise o grupo dos 20 ricos gañaban máis de 5,3 veces o que o 20% do conxunto da poboación, máis pobre, esta diferenza medrou ate 7,5 veces, a fin de 2011; e de continuar a tendencia chegara a ser de 18 veces máis en 2025. Rematar coa pobreza, en palabras dos autores, “pasa agora por eliminar as desigualdades extremas agravadas nos últimos 25 anos por culpa da desregulación, a opacidade financeira e unha distribución impositiva sen equidade porque foron reducidas as cargas fiscais ás rendas máis altas e recortáronse dereitos ás máis baixas”.
Aviso para navegantes aos congregados en Davos. Torpedo na liña de flotación da propaganda triunfalista de Rajoy sobre a recuperación económica. Indignación xusta.

 

O EFECTO MATEO

Te puede interesar