Efeméride do antigo Reino de Galiza

A composición musical que coñecemos por Marcha Solemne do Antigo Reino de Galiza, nacida de autoría popular non identificada, con medio milenio de existencia xa e interpretada no pasado histórico como peza procesional para agochala da súa función inicial de himno senlleiro da personalidade dun país con identidade propia ou mesmo alcumala de Marcha dos Peregrinos para afastala de súa verdadeira esencia, é símbolo acaído para conmemorar, como foi o caso, os cinco séculos da mítica Asemblea de Melide que xuntou nesta vila central, equidistante xeograficamente entre os distintos territorios galegos, no 4 de decembro de 1520, a dúas ducias das persoas máis relevantes do poder civil e relixioso deste reino atlántico para conxurar unión á hora de elaborar un memorando reivindicativo de esixencias a Carlos I quen, nove meses antes de camiño ao porto da Coruña para partir á súa coroación como emperador do Sacro Imperio, decidiu celebrar cortes en Santiago de Compostela, un xeito de provocación ao facerse en lugar no que non só non estaba convocada ningunha cidade do reino galego no que se acollía o evento, senón que foi negado con violencia o acceso ao edificio do acto a dous dos poderosos señores do país, o Arcebispo Alonso de Fonseca e Fernando de Andrade. Chovía sobre mollado nun alongamento dos efectos da “castra e doma” do reino galego iniciada por Isabel e Fernando, os Católicos, coa que traspasara a representación galega á cidade de Zamora que exercía así un voto furtado ás urbes galegas que mostraron por escrito malestar a esa xuntanza compostelá que finalmente, pola tensión vivida como explosión dun longo conflito larvado, debeuse adiar e mudar a súa celebración á cidade herculina e, ao tempo, foi sementando a convocatoria do que resultaría o cumio da vila melidense.

Nesta xuntanza de prelados, rexedores urbanos e nobres galegos, xunto á reivindicación política de reclamar o voto directo en cortes para Galiza, cousa que novamente foi negada ata pasar outros cen anos máis, incluíron reclamacións de carácter económico e social adaptadas ao interese das familias alí congregadas. Facendo valer o principio de quen non chora, non mama, pediron a creación dunha Casa de Especies que si foi creada en A Coruña, certamente pouco atinada na que se foron sucedendo fracaso tras fracaso expedicionario; e tamén unha Capitanía Xeral que permitise organizar a defensa militar da costa, até o momento totalmente a mercé de piratas e flotas inimigas. Capitulacións nas que non se esqueceron de reclamar a abolición das sanción e multas que se poñían as familias que propiciaban vodas dentro dos seus liñaxes, feito temido como maneira favorecedora de formación de bandos belicosos co poder centralista.

Alén da renuncia á solidariedade co movemento comuneiro, reprodución da revolta irmandiña, a Asemblea de Melide fica como testemuña dos poderosos no reino de Galiza por facer valer a súa voz nun momento de cambios históricos. Tempo para recuperar a deturpada memoria de Galiza.

 

Efeméride do antigo Reino de Galiza

Te puede interesar