ELOXIO DO TRANSICIONISMO

A hipócrita e interesada recuperación da figura de Adolfo Suárez como emblema dun “consenso sen conflito” ten o propósito de borrar a memoria da presión na rúa que forzou ao Réxime franquista a abrirse máis do que quixese; e de paso, obviar a referencia á represión padecida por milleiros de demócratas, os verdadeiros heroes do proceso político que dotou ao Estado de institucións homologables ás do entorno de países da xeografía occidental. Fronte ao clamor popular que, outra vez na rúa, denuncia as políticas do goberno, Rajoy e o seu fronte mediático fan uso, e abuso, do “corpore insepulto” do primeiro presidente desta última etapa da historia de España en liberdade, xustamente para minimizar o suceso extraordinario que xuntou a millóns de persoas nunha mobilización que, xunto ás reivindicacións do presente, denuncia “non estar representada” polos políticos herdeiros dese proceso e pide cambio de modelo. Esta especie de “eloxio do transicionismo”, verdadeiro mecanismo do que no vulgar chamamos Transición, coa súa utilización nos medios semella tan desexada pola Presidencia que non puido agardar ao momento formal do pasamento, se non que con catro días de antelación preparou as declaracións institucionais de condolencia. Logo, as presas en colocarse na pole de saída do pésame fixo que se emitira a comunicación con esa data delatora da ansia en que acontecera o desenlace previsto. Porén, o pasamento de Suárez coa carga simbólica que lle outorga este tratamento público de identificación que busca na súa figura histórica o Partido Popular, choca radicalmente coa xente que esixe dignidade e respecto. É a resposta a unha política que pretende converter o medo nunha categoría central da vida cotiá. Medo ao endebedamento, ao desafiuzamento, ao exilio forzoso, á perda duns aforros ou dun emprego cada vez máis miserable. Política do medo, da ignorancia e do desprezo con dúas facianas: Unha, a das contrarreformas laborais, a vivenda como luxo para poucos, privatización da sanidade e da educación; e dicir, a do empobrecemento crecente. A outra, a represiva. A que manda á Policía contra unha cidadanía indefensa. A que sempre ten a man unha reforma involucionista do Código Penal, da infame Lei de Seguridade Cidadá e de Seguridade Privada ou da Lei do Aborto. Mais e todo, estes sucesos coincidentes no tempo, mobilización e morte, son unha metáfora “do vello que non acaba de morrer e do novo que non remata de nacer”. 

ELOXIO DO TRANSICIONISMO

Te puede interesar