• Miércoles, 14 de Noviembre de 2018

Textos encol da arte galega é o título dun ensaio, de 49 páxinas

Textos encol da arte galega é o título dun ensaio, de 49 páxinas, autoría de Luis Seoane, publicado por Brais Pinto en 1979 dentro da serie Cadernos da Gadaña. Anos máis tarde, apareceu unha nova publicación de 144 páxinas, editada por A Nosa Terra na colección Nós Os Galegos, co título máis acaído de “Textos sobre arte galega e deseño”, un traballo de Seoane que dá boa mostra da súa múltiple faceta na creación cultural. Velaí o feito de ser escollido como referente para a celebración do Día das Artes Galegas do próximo ano, como artista homenaxeado; un recoñecemento que se suma á dedicatoria, en 1994, do Día das Letras.
O seu caso é o novo no que se produce esta coincidencia, o anterior foi o de Castelao, a segunda persoa tomada en consideración por esta iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes que botou andar en 2015, daquela iniciada na memoria do Mestre Mateo. Para os académicos da institución, na lícita procura de acadar para os artistas galegos que contribuíron a forxar coa nosa personalidade gráfica e visual un patrimonio básico e fundamental para entender tamén a nosa identidade colectiva, viron na popularidade e divulgación das e dos autores literarios promovidos pola RAG, coa celebración das Letras Galegas, un espello no que poderían atopar tamén o seu camiño de consideración e de espazo no foco de atención da sociedade. 
Por iso, Luis Seoane é un referente principal como “teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante ou pintor que ademais resultou esencial na posta en marcha do Laboratorio de Formas en na creación dunha nova imaxe de Galiza baseada na interacción da tradición coa innovación a través das industrial da memoria, caso das empresas cerámicas de O Castro ou Sargadelos”. Para o plenario académico “a súa obra, vasta e diversificada, o seu pensamento aberto e as súas iniciativas, convérteno nun personaxe destacado no panorama da cultura galega e tamén da española do pasado século; unha cultura que axudou a construír co seu esforzo, o seu talento e o seu compromiso”.  Engaden a favor do inventario deste intelectual galeguista que “a obra de Seoane é unha simbiose entre o afán por evocar a arte tradicional galega, manifestada a través dos petróglifos e da enorme presenza do románico, e a arte das vangardas históricas”. Sen dúbida algunha, foi un gran dinamizador da cultura galega.
Encol da arte galega, evocada sen dúbida na figura de Luís Seoane. Agochada ou deturpada na do Mestre Mateo que ve restaurado o seu Pórtico da Gloria na policromía orixinal, ou moi próxima á que foi daquela, sen facer mención a súa esencial condición de artista do Reino de Galiza.