Encrucillada, na teoloxía e cultura galega

Para alén de certo xogo enigmático que pode derivarse do antecedente título, a encrucillada aquí relacionada non é ese “punto onde se produce o cruzamento de dous lugares ou camiños”; tampouco fala da “situación difícil en que se atopa alguén que non sabe que determinación debe tomar ou que camiño seguir”. Porén, algo diso vai asociado á cabeceira de Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián que vén de ser obxecto dun recoñecemento simbólico, á par que xusto e moi atinado, polos máximos voceiros da Real Academia Galega co gallo de presentarse ao público lector unha singular monografía titulada “As Letras Galegas na Encrucillada” que é un xeito certeiro de conmemorar que esta iniciativa cultural xa pasa dos corenta anos de existencia.
A revista Encrucillada, unha das decanas publicada integramente en lingua galega, arrancou a finais de febreiro de 1977, deixando atrás unha xestación demorada que durou preto a dez anos. Tralo seu arranque xa non parou e así, cada dous meses vén publicando un número de aproximadamente cento vinte de páxinas con artigos de diversa factura, extensión e sinatura baixo un criterio de compromiso e servizo ao país nacido da filosofía dun esforzo a porfía polo “diálogo desde a fe cristiá co mundo da cultura”; e por iso “os temas tratados e publicados na revista non se reduciron ao ámbito propiamente teolóxico senón que as inquedanzas culturais, sociais, políticas e mesmo económicas quedaron reflectidas nas súas páxinas”.  Abofé que así foi sempre.
Botando unha ollada ás lembranzas deste longo período, nestas catro décadas da traxectoria de Encrucillada tamén se produciu modificación formal na entidade titular da publicación; dende o comezo asumido pola editorial SEPT, logo por Irimia, ata hoxe en día na que é responsabilidade dun colectivo humano constituído como Asociación Encrucillada, empresa sen fin de lucro que impulsa tamén cursos, foros ou edición de libros e varias iniciativas máis. Son continuadores fieis da declaracións de intencións manifestada no seu primeiro número, ao comprometer ter xurdido para “ser punto de encontro reflexivo, lugar de comuñón de experiencias para todos aqueles que comparten a nosa mesma fe, aínda que poidan ser diversos e plurais na súa interpretación reflexa que iso é a teoloxía. E quere ser unha man tendida ao diálogo con aqueles que, sen compartir a nosa fe, se moven po idénticas arelas: servir a Galicia é servir ao ser humano de Galicia”.  
Encrucillada, polo tanto é xa patrimonio cultural de natureza inmaterial na identidade das e dos galegos. Unha fiel nómina de máis dun milleiro de subscritores garante “mil primaveras máis” para un proxecto que forxou a “irmandade entre o compromiso cristián e unha esquerda que quere facer unha sociedade mellor”. Necesaria.

Encrucillada, na teoloxía e cultura galega

Te puede interesar