Enredados polo xogo tóxico

Enredar, verbo transitivo, no seu senso figurado é meterse, a xeito individual ou colectivo, nunha cousa que pode traer problemas e da que é difícil saír. Significación esta que vén como anel para o dedo se vemos a situación na que se atopa esa práctica de xogo tóxico causante dun andazo de “ludopatía” na que o Estado español ten a máis alta taxa de incidencia entre a rapazada dos 13 aos 21 anos, cunha proporción de un terzo entre as mulleres e do duplo entre os homes. Víase vir ollando para o espallamento das casas de apostas que afloraron nos barrios das cidades, na práctica totalidade das vilas galegas e moitas veces en lugares próximos aos espazos de lecer mozo e mesmo escolar por todo os país, tamén nos currunchos de bares e tabernas; e moito máis acusado aínda, polas apostas a través das canles on-line. A banca sempre gana, dito certo.

O efecto deste xogo tóxico, inducido por unha publicidade perversa na que se fai uso por todo tipo de canles, incluído o patrocíneo de actividades deportivas, baseado en boa parte na utilización da imaxe e complicidade de persoas relevantes do mundo do espectáculo e do fútbol, aínda que se faga nota dunha imperceptíbel chamada a “xogar con responsabilidade” nunha tramposa mensaxe que busca traspasar a responsabilidade da consecuencia psíquica exclusivamente ao adicto xogador, é un grave problema de saúde pública que precisa dunha resposta política e social. 

Velaí o movemento cidadá, voces mozas, que se mobiliza por diversos lugares deste país baixo a bandeira común de “Fóra casas de apostas”, materia de competencia regulada pola Xunta de Galicia, conscientes de que “é moi complicado a día de hoxe loitar contra uns intereses tan fortes coma os das empresas de apostas”, mais sen arredarse á hora de “reivindicar un ocio distinto para a mocidade, un xeito de lecer afastado das casas de apostas, do lucro e do consumo”. 

Porén, a intervención urxente precisa e decisión política do novo Ministerio de Consumo, competente na regulación das apostas on-line, coa modificación legal  que impida a publicidade que induce ao xogo, movendo cifras millonaria de euros que aproveitan especialmente as grandes redes sociais e as variadas canles de comunicación publicitaria e de internet. Tempo de importar o “decreto dignitá” italiano; man de santo coa que se logrou alí rematar con este problema de adición tóxica.

Enredados polo xogo tóxico

Te puede interesar