Enredo olímpico en Río

O comezo das Olimpíadas está ás portas. A cerimonia inaugural dos Xogos de Río é cita fixada para o próximo cinco de agosto. As delegacións, deportistas e a xente interesa e gozar deste evento internacional que o mundo olímpico celebra cada catro anos debería ir xa camiño da cidade carioca. Sen embargo, as novas que nos chegan dende a capital do Estado brasileiro de Río de Janeiro apuntan ao caos, desorde, corrupción e falta de control sobre a finalización efectiva das obras deportivas e complementarias que anuncia un grave pesadelo para os organizadores; e, para alén diso, suma conflitividade e mobilización social no actual impase político do país.
Boa mostra da dificultade na que se atopa o estado da cuestión sintetízase na pancarta que portan os sindicatos policiais, pendura no aeroporto da entrada internacional: Benvidos ao inferno. Mensaxe certeira e contundente para expresar unha situación na que os hospitais amosan pechadas as unidades de urxencia, os centros educativos están paralizados dende fai meses no marco do atraso no pagamento de nóminas aos funcionarios estatais. O mesmo gobernador, a máxima autoridade estatal, ten decretado un chamado “estado de calamidade” dende fai un mes para forzar achegas do goberno federal que permitan dispor de máis recursos á hora de afrontar o repto de lograr que os xogos olímpicos rematen sen unha grande catástrofe para a imaxe do lugar máis turístico do Brasil, a primeira cidade da América do Sur en organizar unha olimpíada.
A recente decisión da representación olímpica australiana, abandonando a Vila dos Atletas polo impresentábel estado das súas instalacións, incluído un escape de gas, é un duro golpe. Para sacar ferro ao asunto, o gobernador dixo que arranxaría o descontento dos australianos, mesmo poñéndolles canguros para que se sentiran como na súa casa, ao que estes contestaron afirmando que “aquí o que falta é un fontaneiro, non un canguro”. A carencia na limpeza amósase coma outra das causas, un fenómeno recorrente ata o extremo que obrigou a desviar enterramentos a cidades próximas por non poder atender a realización de autopsias no Instituto Médico Legal da cidade, debido á folga da equipa de limpeza deste centro.
Así, sumado o medo polo Zika e a pantasma da violencia policial silenciada, o resultado económico apunta ao fracaso. Unha boa metáfora pode resultar a manifestación convocada para denunciar os “Xogos da Exclusión”, imaxe mundial alternativa á cerimonia de apertura. Verémola.

Enredo olímpico en Río

Te puede interesar