Eppur si muove

Neste frustrado intento de investidura da Presidencia do Goberno estatal que vén de celebrarse no Congreso das e dos Deputados, a causa e o interese galego e da súa cidadanía de base ficou totalmente ausente dos discursos ouvidos na tribuna; e dicir, da axenda política dos asuntos relevantes. Novamente, asistimos á procesión dos caladiños á hora de ollar a defensa do financiamento da nosa sanidade ou da educación propia, diante do dereito a ver eliminadas ou reducidas as peaxes que pagamos por circular pola Autoestrada do Atlántico, AP-9; asegurar a modernización do transporte ferroviario, lograr un marco enerxético que asegure o funcionamento das industrias e garanta empregos; e, mesmo, que dote dunha tarifa doméstica compensatoria dos costos económicos e sociais que representa a súa xeración aquí; entre outros moitos temas que resultan fundamentais para o benestar da xente que vive na Galiza. Obvia falta de voz propia. 

Nas pasadas eleccións xerais non chegaron os votos para facer posíbel a presenza do nacionalismo como garante da nosa voz directa nese conglomerado que coñecemos polas Cortes da representatividade democrática española. O sistema electoral foi deseñado para facer difícil, cando non imposíbel, acadar esa presenza que ademais está moi condicionada pola creación de estados de opinión e tendencias de voto que impulsan os grandes medios de comunicación para forzar a unha confrontación en clave centralizada. Resultado, coa non presenza, que trae certo desánimos ás bases dun nacionalismo militante que, un ano máis, amosará a súa forza de mobilización e fidelidade ao movemento organizado nos actos do 25 de Xullo, en Compostela, especialmente na convocatoria que xuntará a varios milleiros de persoas na Praza da Quinta para comprometer “un novo impulso para Galiza” centrado na soberanía, no traballo e na democracia.

Porque, alén das pasadas ocasións sen resultado óptimo, eppur si muove. Si, certamente coa mesma metáfora que se atribúe a Galileo Galilei, na sentenza coa que recibiu a conclusión do tribunal eclesiástico da Santa Inquisición que forzara a súa abxuración sobre visión heliocéntrica do mundo, afirmando con retranca propia dos galegos: E con todo móvese. O nacionalismo, e con el a causa auténtica do pobo galego, tamén. Velaí o último resultado nas eleccións locais coa súa tradución na dirección política de alcaldías, gobernos municipais e corporacións provinciais. Movemento que é máis intenso no tecido social e na incidencia sindical no ámbito laboral.

Aínda así, construír país, é labor teimosa que precisa de tempo. Proba diso é a reflexión que recolle a publicación do último numero de Terra e Tempo, monográfico co se aborda a “Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976)”, traballo colectivo que fai unha radiografía da ruptura que impulsaron as persoas comprometidas cunha cultura galega centrada no interese e nos sinais de identidade propios. Memoria recuperada do traballo, calado porén sólido, garante dun movemento imparábel.

Eppur si muove

Te puede interesar