Escachar a verdade

Escachar é romper en anacos unha cousa; mesmo é aceptábel como forma de expresar só o feito de romper en anacos aínda que non sexa algo de natureza material. Aínda ten un terceiro significado, o do mecanismo de desfacerse as ondas do mar en escuma cando baten contra un obstáculo. Velaquí a metáfora desa navegación errante polos mares da información que circula polas redes sociais, na que a verdade está condicionada pola manipulación do negocio mercantil ou do interese político orientado á creación de estados de opinión con finalidade perversa. Proba indiscutíbel coa última demostración do xeito en que foi orquestrado unha parte relevante do voto cidadá nas pasadas eleccións á presidencia norteamericana ou no referendo británico; e outros.
O asunto da descuberta deste novo mecanismo de alteración grave dun proceso que debería ser limpo con igualdade de oportunidade para todos os competidores electorais representa un novo chanzo na evolución daquel principio proclamado por certo dirixente do nazismo: Unha mentira multiplicada milleiros de veces remata por aceptarse como verdadeira. Agora o mecanismo na enxeñaría do engano é máis sofisticado e busca un efecto concreto partindo do tratamento individualizado que permite o coñecemento da orientación persoal que deixamos como currículo no camiñar polas redes sociais. Demostración doutra afirmación certeira: Cando algún produto é gratuíto, en realidade o produto es ti. Velaí como se trafica coa nosa confianza nun sistema de relacións e mensaxes que non deberían ir para alén da limitada esfera persoal privada. 
As grandes mentiras promovidas polos políticos gobernantes son causa que permiten mudar estados de opinión pública a favor de decisións que non serían toleradas sen ese embuste. Lembremos aquela manida acusación das “armas de destrución masiva” que serviron para iniciar unha das intervencións militares máis inxustificables en países do Oriente medio. Nesa filosofía, mesmo se intenta coa alteración da linguaxe para disfrazar o fenómeno; chámaselles “falsas noticias” mesmo para agochar que na realidade é unha mentira escandalosa. 
Mais, o fenómeno da globalización sumado as novas tecnoloxías da información e da comunicación lévanos a reparar na figura do Gran Irmán da novela de Orwell.  Papel dunha populosa rede social.  
Non é de recibo desviar responsabilidade á intervención rusa; proliferación de “bots” multiplicadores aparte. Chega con sermos obxecto publicitario da nosa viaxe pola rede virtual; agora tócalles mudar o vello lema “móvete rápido, esmendrella cousas”. Recuperar confianza asegurando verdade e fiabilidade na información.
 

Escachar a verdade

Te puede interesar