A especulación do graffiti

Balbordo na opinión pública e máis aínda na publicada, lóxico e xustificábel, o creado pola pintada feita á figura do século XII que forma parte do conxunto escultórico e arquitectónico da Catedral de Santiago de Compostela na parte que configura a súa fachada da Praza de Praterías, que vén de ser vítima dun estrago patrimonial coa actuación dunha man irresponsábel e ignorante que pintou sobre dela o que semella ser un xeito de devoción á banda musical Kiss, marcando con rotulador de cor azul non só o nome deste grupo senón tamén os bigotes de gato e as olleiras que forman parte da tradicional maquillaxe do devandito conxunto de hard rock americano. 
Atentado cultural froito dunha barbaridade que se produce ademais nunha cidade patrimonio da humanidade, aberta e tolerante, na que non pode confundirse liberdade de expresión co imprescindíbel coidado dun valor histórico e artístico que é herdanza colectiva e fonte de riqueza. Por iso, diante deste feito, lembramos que unha das definicións que se corresponden con esa adopción da expresión italiana “graffiti” ao noso idioma, polo que atinxe a súa relación coa Paleografía é a da “inscrición, xeralmente en cursiva, ou debuxo trazado sobre monumentos antigos, paredes ou pedras cun punzón ou con outro instrumento gráfico”; expresións no pasado que tiñan contido satírico e facían alusións a protestas, motivos políticos e outros asuntos. Unha clara diferenciación dese outro aspecto que converte ao graffiti nunha expresión artística a partir da creatividade “sobre muros ou outros soportes de espazos públicos, con instrumentos que permiten unha grande espontaneidade e rapidez na súa execución”; motivada, para alén da coincidencia tamén na expresión política e ideolóxica, con aspectos que amosan a exhibición da propia personalidade do autor e a decoración.  O graffiti pois, é moeda de cara e de cruz. 
As mensaxes e pedimentos tirados das sensatas palabras do director da Fundación da Catedral, sobre a necesidade de “concienciar a todo o mundo da preservación do patrimonio” ou do rexedor compostelán sobre a importancia da mandar “un mensaxe de civismo” porque se “tocan o patrimonio tócannos a todas e todas” e iso non vai mudarse coa sanción económica, por máis grave que esta fose, se ademais boa parte do atentado cotiá que soporta o patrimonio vén da acción, da omisión ou da inxustificábel tolerancia que nace nos poderes políticos e institucionais. 
Para mostra do antes dito, o acto vandálico coa figura catedralicia coincide coa denuncia dunha entidade cultural de base que pon en evidencia o uso dun espazo culturalmente protexido, o Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, que está sendo empregado como aparcadoiro de caravanas, coa inspección patrimonial mirando de esguello. Dobre vara de medir, intolerábel.

A especulación do graffiti

Te puede interesar