Estrés climático letal

En materia climática, este planeta que habitamos, día si e día tamén está a mandar un serio aviso de que camiñamos por vieiro de alto risco para a propia supervivencia da especie, no hábitat do que vimos gozando dende tempo inmemorial. A última noticia recollida en medio de comunicación dinos que a Terra acada unha nova marca de máximos históricos de gases que mudan o clima. A concentración de dióxido de carbono e outros gases que atrapan a calor na atmosfera, eses que provocan o cambio climático, chegaron a un nivel máximo sen precedente nos últimos anos, sinalado con esta gravidade no Boletín da Organización Meteorolóxica Mundial, esta semana. 
Esa publicación, sobre os gases de efecto invernadoiro, asegura que “non hai indicios de inversión nesta tendencia, que está a desencadear un cambio climático a longo prazo, a subida do mar, a acidificación dos océanos e un máis fenómenos meteorolóxicos extremos”. Lembran, nas palabras de presentación do informe pola súa máxima autoridade, que a última vez que a atmosfera da Terra concentrou unha cantidade de CO2 comparable á actual produciuse fai entre tres e cinco millóns de anos, co resultado de ter incrementado a temperatura entre dous e tres graos máis alta e o nivel do mar ate vinte metros, para alén da súa altura actual.
Por se fose pouco esta alerta, chéganos outra advertencia indicando que “a tensión de calor a finais de século dispararase dunha forma que non podemos nin imaxinar”, expresada por un prestixioso académico do Instituto Flamenco de Investigación Tecnolóxica de Bélxica, no marco dun ciclo de conferencias convocado co título de “Fagamos fronte ao cambio climático”. Este científico, experto en clima urbano e calidade do aire, cun modelo de análise especial que ofrece información en detalle no ámbito local sobre indicadores de temperatura, contaminación, cambios meteorolóxicos extremos e outros aspectos do clima avisa que “os episodios de calor extremo nas cidades europeas multiplicaran por dez” a súa intensidade, a finais de século. Segundo os seus estudos, as chamadas illas de calor urbana, poden provocar taxas de mortalidade máis elevada, maiores ingresos hospitalarios, máis nacementos prematuros, menos produtividade económica e laboral, danos nas infraestruturas e un aumento do consumo enerxético. Resultando inevitábel ese fatal efecto, toca prepararse para reducir o futuro impacto de risco para a saúde e o benestar das persoas. É tempo de políticas ambientais máis activas. 

Estrés climático letal

Te puede interesar