Evocación da marea negra

an alá quince anos, tres lustros xa, da catástrofe económica, social e ambiental producida polo tóxico hidrocarburo, chapapote na nosa linguaxe popular, vertido ao mar dende as adegas do Prestige, aquel sinistro buque petroleiro errante polas augas oceánicas da costa galega, nunha culpábel viaxe á destrución máis danosa froito do desatino político. É, pois, tempo de evocar; facer que retornen á memoria colectiva aqueles días de indignación, rabia, medo e incompetencias múltiples que forxaron unha reacción cidadá que tirou do mellor da condición humana: A solidariedade do voluntariado limpando as praias, á da xente do mar impedindo coa súas mans a entrada do fuel nas rías e á da multitudinaria mobilización colectiva do movemento “Nunca Máis”.
Hai cen anos que foi iso e inda hoxe a vella chora, é expresión do refraneiro que constitúe unha atinada metáfora da situación que continúa a facer moi probábel a repetición dunha catástrofe desta dimensión, considerada a terceira de máis gravidade ambiental no mundo en opinión de moitos científicos. Coñecemos do enorme número de buques con materiais e mercadorías perigosas, un terzo do total dos que navegan polas augas continentais fronte as nosas costas, máis dunha ducia de miles no pasado ano; e dicir, trinta e cinco de media cada día. Certeza dun risco que máis cedo que tarde volverá pola rota do sinistro provocado por este lembrado barco dun só casco abandeirado das Bahamas; máis tamén do Urquiola, Mar Egeo e outros nomes de memoria infame que o precederon nas incesantes catástrofes soportada por este noso país.
Con tal cantidade de bombas de reloxería potenciais navegando é incomprensíbel o desprezo na dotación de recursos de prevención, agravado polo feito de manter as competencias en materia de seguranza marítima nas mans do goberno central, no canto de ser transferida ao executivo galego máis próximo e mellor coñecedor do problema que ameaza o nosa seguridade colectiva. Vai na liña do desprezo que representou, no que atinxe a non asunción da responsabilidade política polos xestores daquel afundimento limitado no discurso oficial á emanación duns “fíos de plastilina”. Botemos unha ollada ao resultado daquel Plan Galicia vendido polos gobernos de Aznar e Fraga, mesmo para o sorriso retranqueiro do consabido “unha cousa é predicar, e outra ben diferente dar trigo”: O corredor ferroviario do AVE polo Cantábrico, Ferrol-Bilbao; os idénticos Ponferrada-Monforte e Lugo-A Coruña “ate 1000 quilómetros de Alta Velocidade só no interior de Galicia”; as autovías Monforte-Chantada ou A Cañiza-Pontevedra, entre outra ringleira de obras, axudas compensatorias e dotación de servizos que se foron co vento mareiro para “nunca máis”. 

Evocación da marea negra

Te puede interesar