A festa das galegas nas letras

O termo “matria” non se encontra no dicionario da Real Academia Galega. Un síntoma claro da distorsión da linguaxe que tira de cara á hexemonía do patriarcado á hora de situar en zona escura o patrimonio literario das mulleres. Non é de estrañar que só catro autoras fosen obxecto de honra na conmemoración do Día das Letras Galegas, de entre os máis de cincuenta homes que configuran a nómina dos designados polos académicos. Porén, se botamos unha ollada á relación de libros galegos máis vendidos, veremos que unha boa parte son da autoría de mulleres que, cunha celebración propia, creativa e con ar fresco, reivindican o seu recoñecemento literario.
Velaí, a festa do Día das Galegas nas Letras, chegando xa á quinta edición, que para o presente ano escolleu o espazo público do Parque da Milagrosa en Lugo, nunha data, o 15 de Agosto, na que a Igrexa Católica celebra o día da Asunción da Virxe María, probabelmente a xornada máis festiva de entre todas as que compiten teimosamente por ese título, credencial moi cobizada abofé; unha conmemoración relixiosa que popularmente se coñece pola festa da Nosa Señora. Nesa coincidencia, falamos da honra á Nosa Señora das Letras para a que, neste caso, foi escollida con moito atino, María Pilar Campo Domínguez; na sinatura literaria,  Marica Campo.
Marica, unha mestra que viviu a experiencia da docencia no mundo rural galego para rematar no ensino secundario dun instituto, traxectoria que foi parella a súa extensa creación literaria que conta cunha variada edición na que suma poesía, narrativa, teatro e literatura infantil e xuvenil. Aínda máis, é responsábel de varias traducións de obras orixinais noutras linguas trasladadas para o idioma galego e forma parte destacada dunha manchea de obras colectivas nas que a súa pegada deixou un rotundo acento. Unha parte desa achega literaria foi obxecto de premios en diferentes certames e convocatorias; ela mesma tamén foi recoñecida, no conxunto da obra, por distintas institucións ou eventos populares. É, ademais, unha muller comprometida coa causa nacional galega, militante activa a prol dun mundo máis xusto e igualitario. Una persoa modélica. 
A creadora de “Pedinche luz prestada”, vén detrás de Patricia Janeiro, María Xosé Queizán, María Victoria Moreno e Dorothé Schubarth, nesta iniciativa impulsada polo grupo de mulleres, A Sega, unha plataforma de crítica literaria feminista que botou andar fai un quinquenio para facer xustiza pública ás obras escritas por autoras. Unha organización colectiva e plural, necesaria para ocupar “con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade”. Tomen boa nota os académicos da RAG.

A festa das galegas nas letras

Te puede interesar