O final do principio

Normalmente todos os principios son duros, moito máis se non teñen unha continuidade certa na que se perciba o alivio. Nesas andamos. A pandemia vírica campando polo mundo enteiro é un enigma a respecto da súa evolución futura. Mesmo poda que aquí se consagre un principio que, a xeito de enredo lingüístico, estableceu un mito histórico da xestión política británica no brinde dun xantar na que viña a conto avaliar o efecto do triunfo nunha batalla militar, diante da que el atinadamente sentenciou: Este non é o final, non é nin sequera o principio do final; poder ser, máis ben, o final do principio. Metáfora ben acaída ao momento temporal da catástrofe sanitaria.
Principio, pois, de novos hábitos que deben fuxir de rutinas ancoradas na forma de ser e comportarse, porén que é preciso mudar para construír un futuro de sentido común humano. A comezar polo respecto e valorización do medio natural e das cousas de proximidade, lonxe dos perigos da dinámica global que interesa ao lucro mercantil das grandes corporacións financeiras que venden a falsa bondade dun planeta sen fronteiras que, resultando bo no aspecto da solidariedade entre pobos e xentes, na realidade é un despropósito no malgasto de recursos.

Actuar en local, alén do pensamento global, racionalizando recursos e aproveitando as vantaxes da cultura propia, do patrimonio próximo e da personalidade colectiva que outorga a tradición dos costumes históricos. Facer caso á última proposta que o Eixo Atlántico, de concellos galegos e portugueses, achega á Comisión Europea con iniciativas para a recuperación do sector turístico, pedra angular dun modelo económico que xustifica a consideración de estar “ante unha oportunidade única para o nacemento dunha política europea de turismo e o establecemento dun programa financeiro específico de apoio ao turismo o que implica a necesidade de promover o turismo de proximidade e de fronteira”.  Der mirar, no caso noso, á alternativa do mundo rural.

Velaí, autoridades políticas e representantes parlamentarios nas institucións comunitarias teñen diante de si un extenso documento, facilitado a través da rede EPICAH que xunta diversos entes no marco das xeografía da Unión Europea, coas propostas nas que se recollen “elementos tan importantes como que o apoio económico que está a preparar a Comisión se distribúa desde os ámbitos locais e territoriais para que chegue aos recursos turísticos do territorio e non para que o teñan os grandes operadores europeos” e que os Programas de Cooperacións do entorno fronteirizo apoien a recuperación do turismo nas zonas do seu espazo local de conexión humana. 
Agora, é o momento de lanzar unha verdadeira Política de Turismo que transforme a Europa nun referente, baseado na estratexia do peso económico e social dun modelo que potencie os valores históricos e naturais do local, do ámbito máis próximo. É o principio dun tempo novo e diferente. 

O final do principio

Te puede interesar