Foliada con personalidade galega

Non se pode andar de foliada todos os días, certo é que non se debe abusar deste xeito de diversión buliciosa na que participa un grupo de persoas ou toda unha comunidade veciñal enteira. Aínda así, parodiando un lugar común á hora de referirse ao país dos mil ríos que conforman a conca hidrográfica do territorio galego; tamén podemos falar do país das mil festas que na realidade da celebración é dez veces iso; e dicir, aquí contabilizamos preto a dez mil ocasións festivas cada ano. Festas populares que constitúen un símbolo de peso importante na vida social. Cada concello, cidade, parroquia ou lugar que conte con certa dimensión de veciñanza non deixa ocasión de conmemorar, celebrando, a onomástica dun santo católico, un acontecemento histórico ou a exaltación de produto gastronómico ou do maridaxe de máis dun que, visto que a suma multiplica resultado, remata por ser un poderoso motivo de atracción de xente foránea á localidade. Porén, este instrumento cultural lícito e necesario ten unha faciana que pide reflexión á hora de asegurar que contribúen á identidade e á personalidade do país.

As festas populares constitúen un referente na vida social das e dos galegos. As parroquias e lugares son, de vello, fórmulas de convivencia sentidas e queridas polas súas comunidades. Ser ocioso un día, ou varios dependendo das forzas para a troula e do orzamento para mantenta e gasto suntuario, é un proceso cultural que ten raíces antropolóxicas que beben da propia natureza humana e únennos a outras culturas universais que adoptan un proceso semellante; ben é certo que sen a intensidade que se vive aquí neste curruncho atlántico do fin da terra peninsular. As danzas tradicionais e a música popular que amenizan eses espazos sociais de convivencia na festa poden e deben ter unha relevancia especial. Velaí o feito polo que gozan de recoñecemento institucional varias delas nas que é sobranceiro o interese cultural, a súa achega relevante ao patrimonio de natureza inmaterial que configura a nosa riqueza colectiva de pobo diferenciado.

Sen embargo a incidencia negativa de elementos estraños á nosa traxectoria cultural veñen representando un deterioro preocupante e irremediábel á tradición do país. A nosa singularidade, a identidade cultural propia e mesmo a personalidade diferenciada da proposta festiva está a ser arrombada por programas estandarizados que son idénticos aquí, no ámbito galego, e alá fóra do noso espazo territorial. Os efectos da globalización inciden negativamente na programación das festas e celebracións lúdicas. A marxinación dos sinais propios da marca galega son aniquilados, impedindo facer deste xeito de celebración o necesario encontro da xente coa idiosincrasia e a cohesión social que deben ver producida no evento. As honrosas excepcións mancan a diferenza a favor das pensadas en clave galega das do feixe amorfo sen personalidade. Mais cumpre unha mudanza que teime en lograr dez mil festas para a cultura galega. 

Foliada con personalidade galega

Te puede interesar