Sábado 17.11.2018

Furando no código binario

Sabemos que o código binario é un sistema numérico empregado para representar textos, sexa en letra ou cifra.

Sabemos que o código binario é un sistema numérico empregado para representar textos, sexa en letra ou cifra; e dicir, é a pedra angular dos procesadores de instrucións para computadores que limitan a súa funcionalidade aos díxitos cero e un, o primeiro deles de carácter pechado e o segundo aberto. Velaí un sistema de numeración que, para alén da súa apreciación como achado científico ou matemático moderno aparecido no último século, historicamente ten a súa xénese documentada na cultura chinesa ou en métodos de adiviñación africana que se perden na antigüidade dúas veces milenaria. Aínda así, o código binario é unha metáfora da limitación cultural imposta ao xeito de clasificar as cousas entre dúas únicas alternativas. 
Porén, a evolución social da humanidade demanda traspasar eses límites. Entre branco e negro están as escalas de grises. Entre o ben e o mal, con certeza haberá apreciacións e matices que poden establecer unha nova consideración. Así, en moitos aspectos e non só de carácter metafísico ou conceptual senón da realidade actual cotiá. Por iso, resulta innovador o acordo adoptado polo goberno alemán aprobando un proxecto de lei para introducir no rexistro civil a opción do xénero non binario, ademais do masculino e do feminino, baixo a denominación de outro ou diverso. Unha medida que é froito dunha sentencia do seu tribunal constitucional que, no pasado ano, instaba á Administración a introducir unha terceira opción na partida de nacemento e permitir, dese xeito, unha fórmula positiva para aquelas persoas que non pertencen ao sexo masculino nin ao feminino. As que non poden considerarse home ou muller.
É obvio, por necesario, que se modifiquen aqueles atrancos que impiden aplicar dun xeito máis acaído os estándares da moderna demografía; actualizando para iso a lexislación desfasada. Mais, se aceptamos que dúas noticias vistas en conxunto permiten entender o asunto moito mellor, afirmación que non sempre é certa como neste caso do que só tiramos o seu aspecto de retranca; diríase que o executivo teutón tomou boa nota dunha información científica publicada por dous afamados académicos británicos que proba a decadencia irreversíbel, ata o exterminio final, do cromosoma “i grego” que vén a condicionar se un embrión evolucionará no seu desenrolo como macho ou femia; cromosoma non imprescindíbel para vivir como proban as mulleres. Mais, para o atributo masculino, aínda fican catro millóns e medio de anos máis. Pasan rápido.    

Furando no código binario
Comentarios