Futuro imperfecto

Futuro imperfecto ou, se queremos ser mais precisos na expresión, o futuro imperfecto de indicativo é un tempo verbal que indica un feito como sen acabar; máis aínda, expresa a coincidencia dun predicado cun suxeito nun tempo posterior ao que se anuncia. Velaí pois a incerteza, o temor razoable ao que vai vir. Metáfora do emprego nos tempos de hoxe en día e da súa negra perspectiva de cara ao que deparará a posterioridade; mancada de raíz pola tendencia. Peor se reparamos na degradación das condicións laborais, no recorte dos dereitos no traballo e no imparábel proceso de robotización que impulsa a dinámica de transformación tecnolóxica.
Así, colocados entre a data na que se conmemora a celebración do Día Mundial das Mulleres e mais o da xornada na que neste curruncho ibérico temos a ben proclamar como Día da Clase Obreira Galega, é tempo acaído para botar unha ollada á lóxica da “posibilidade, dúbida e vacilación co futuro do indicativo” que amosa o estado das cousas que teñen a ver co emprego. Berro que na voz das mulleres mobilizadas foi un éxito na visualización dunha situación que puxo foco e centrou o debate social sobre a explotación laboral, as discriminacións e as desigualdades; e tamén sobre os acosos e as agresión que sofren polo feito de seren mulleres, logrando que mesmo compañeira de xénero que non identificaban como propias as desigualdades sexan agora quen de facelo; e deste xeito, continuar nun proceso reivindicativo que será imparábel.
Comparten a precariedade e a pobreza laboral, o medre das contratacións a xornada parcial, dos contratos que duran horas, días ou como máximo unha semana, a caída dos salarios, o aumento dos e das traballadoras con ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional, ou quen estando no paro non percibe ningunha prestación por desemprego. É unha realidade que vai camiño de ser estrutural; marcando o panorama de futuro. Perigo certo da consolidación dunha situación social sen saída, dun empobrecemento estendido e do asentamento permanente de novas forma de explotación laboral, de cadeas sen fin de contratacións transferidas, falsos autónomos, empresas de servizos múltiples que furtan negociación colectiva e regulación xusta; sen esquecer a permanencia da lacra emigratoria.
Radiografía laboral que suma o medo, inducido polos creadores de estados de opinión, con escenarios apocalípticos sobre a supervivencia do sistema de pensións públicas, de reparto solidario. Políticas laborais causantes dun futuro imperfecto.

Futuro imperfecto

Te puede interesar