Galegos na circunnavegación ao orbe terrestre

ntre as efemérides históricas, este ano está a se conmemorar o Quinto Centenario da Primeira Volta ao Mundo, a liderada polo capitán de navegantes portugueses, Fernando de Magalhaes, no seu inicio en 1519 coa singradura de partida nun peirao da costa andaluza; e, coa morte deste nunha das batallas libradas perante a expedición polos océanos do alén mar,  rematada polo seu compañeiro vasco, Juan Sebastián Elcano, na arribada coa única nave supervivente das cinco que iniciaran esta mítica aventura marítima, a Vitoria, que fixo o seu atraque, en 1522, no mesmo porto da que saíra tres anos antes. Por iso, as autoridades culturais do goberno de Portugal, primeiro, ás que se uniron máis tarde as institucións correspondentes do goberno español, veñen promovendo a iniciativa conxunta dunha candidatura perante a Unesco para que esta organización internacional teña a ben incluír este fito histórico da circunnavegación ao mundo como Patrimonio da Humanidade, no ámbito da súa consideración de ben inmaterial.
Os anais históricos contan que dos 239 homes que comezaron a viaxe, só retornaron dezaoito, entre eles como non podía ser doutro xeito, polo menos dous galegos. Certo é que tempo máis tarde foron chegando outros máis, que ficaran prisioneiros ou por vir por ruta alternativa distinta por causa do naufraxio das súas naves de enrolamento. En todo caso, un acontecemento que mudou radicalmente os criterios sobre o predominio da consideración da Terra como un espazo plano para, coa experiencia observada polos mariños, aceptar que constituía un planeta esférico.
Velaí a exposición “Inventio mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas”, organizada polo Consello da Cultura Galega “para traer á memoria unha parte importante da historia de Galicia e de homenaxear aos esforzados navegantes galegos que abriron camiños do mar, atopasen o non gloria na empresa”; que pode verse, ata o 14 de xaneiro, no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, na que se amosan as consecuencias que a expedición Magalhares/Elcano tivo para o noso país costeiro; porque “esta formidable viaxe dou ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seu mariñeiros”.  Aínda que a coroa de Castela desprezou a Galiza como núcleo de relación co novo continente, isto non impediu que os galegos entrasen nese xigantesco negocio e, foi así, que da Casa da Especiaría da Coruña partiron sucesivas expedicións, por diversas rutas, con destino ás Illas Molucas, e outras, á procura do comercio das especies, tan cobizadas polos europeos, nun empeño que ficou sen continuidade máis que é debedor de ser celebrado por relevante e único.
Tempo, tamén, para o relato certo ou da ficción con arume de lenda, coa lectura das achegas literarias de Paio Gómez Chariño, Sarmiento de Gamboa ou do Victor Freixanes e da súa laureada “ O triángulo inscrito na circunferencia” ambientada na imaxinaria Vilanova de Alba.

Galegos na circunnavegación ao orbe terrestre

Te puede interesar