HERODES EN GAZA

Entre a mitoloxía bíblica e a historia certa, a figura de Herodes no reinado de Xudea é símbolo de crueldade, depravación e asasinatos en masa que, en boa medida marcaron para sempre o ADN do comportamento dos seus sucesores. Tan ensanguentada está a súa biografía que de ser argumento dun videoxogo deixaría reducido a un modelo pacifista produtos como o Bulltstorm, que tanto dano ten creado entre nenos e mozos incapaces de distinguir a realidade do mundo virtual.
Trátase de Herodes, cabeza dunha estirpe na que todos levaban o mesmo nome; e por non ser aínda común denominalos primeiro, segundo e sucesivos, é preciso alcumalo así, o Grande, para diferencialo, entre outros Herodes, de tres dos seus fillos aos que o emperador romano Augusto lle asignou reinado, fendendo o territorio do pai: Herodes Arquelao, Herodes Antipas, Herodes Filipo.
A carreira política de Herodes, o Grande, iniciouse como gobernador de Galilea, froito da manobra caciquil do seu pai, asesor e logo Sumo Sacerdote do Rei Hircano. Estreouse matando a Ezequías, dirixente nacionalista, producindo tal rexeite que tivo que fuxir a Roma. Retornou, como vasalo ao servizo do Imperio, nomeado nada menos que rei de toda Xudea. A partir de aquí, tiranía e terror, mesmo con técnica sofistica para camuflar. Liquida aos membros do Sanedrín, fieis á tradición, que buscaban xulgalo. Fixo executar a toda a familia rival derrocada. Sen miramentos. E, postos a evitar futuros competidores, por orde súa foron matando a súa muller, á sogra, ao avó, a tres dos seus fillos e a milleiros de persoas críticas con el. Mais aínda, deixou encomendada a súa irmá, Salomé, para que unha vez morto el, matara a frechazos aos trescentos nobres máis importantes do país:”así chorará todo o Reino”.
Esta base histórica é causa de que lle atribúa, no relato evanxélico, a chamada “Matanza dos Inocentes”, xenocidio polo que tería ordenado asasinar a todos os nenos menores de dous anos, de xeito que entre eles estivese o Mesías, detectado polos Escribas e buscado polos Magos, unha “ameaza para seguridade do Reino”.
A operación “Marxe Protector” do Exército de Israel en contra dos palestinos de Gaza, cos seus bombardeos indiscriminados, repite ese modo cruel, violento e bárbaro, que non repara en matar inocentes entre a poboación civil indefensa, nacida da paranoia que ve ameazada a súa seguridade territorial. Non é unha guerra, é un xenocidio.

HERODES EN GAZA

Te puede interesar