Historia dun tempo engaiolante

Vén de saír do prelo un rigoroso libro de pescuda e narración da historia contemporánea local que leva por título “La conquista de la República. Vilagarcía de Arousa 1920-1935”; laborioso traballo de investigación do que é autor Marcelino Abuín Duro quen puxo ramo á obra “na praza da Liberdade de Carril, a 5 de outubro de 2017”. A súa chegada ás librarías no período das festas do Nadal é boa ocasión para ser incluído entre os agasallos para amizades e parentela na certeza do valor que lle dará o lector a esta publicación de preto a catrocentas páxinas intensas, tanto polo contido textual ou gráfico como polo sedutor relato que vai desenvolvendo, e contextualizando, co suceder dos acontecementos, o seu impacto social e co papel que corresponde a cada actor.
É historia próxima dun tempo engaiolante que o mesmo autor, na introdución ao volume editado pola Sociedad Bibliográfica de Galicia, sinala afirmando que “en tan só dezaseis anos a sociedade española viviu un período de fondas transformacións”; nesta etapa que vai de 1920 a 1936 “collen corpo todos os cambios que se viñeran forxando nos anos anteriores:  A fin dun réxime constitucional, a implantación dunha ditadura, a extinción desa mesma ditadura, a apertura dun período de transición, a proclamación da república e o comezo da guerra civil”, todo iso nun tempo moi curto; polo tanto cunha intensidade de tal aceleración que non permitía ver horizonte.
Marcelino Abuín abre ensaio cunha valoración da época precedente, de 1900 a 1923, tempo de caciques, dos cambios de vello a novo, da conquista no distrito electoral de Cambados que muda a figura do deputado “cuneiro”, alleo ao territorio representado, pola de “encasillado” que vai parar a unha persoa vilagarciá, determinante no suceder da intrahistoria dos anos seguintes; un proceso consecuente coa dinámica xeral na que “os vellos axentes políticos esmorecen e os novos actores fanse presentes cunha forza que non é suficiente para impoñerse de xeito contundente”. 
No texto vai debullándose con detalle, en extensos capítulos a súa vez divididos en apartados temáticos, a análise do acontecido na localidade nos anos da ditadura de Primo de Rivera; o posterior tempo de transición e cambio, a chegada da República reformista e, finalmente, o Bienio Negro. Para mellor comprensión, o autor, enmarca o local no ámbito galego, estatal ou mundial.
Parada demorada na etapa republicana coa que se “abría camiño a novas posibilidades políticas”, inéditas ata entón, porén necesitadas dun tempo de maduración e percorrido longo que non tiveron. Tronzadas pola forza de reacción oposta, aniñada tempo atrás e reforzada polo vento que chegaba de fóra para propiciar unha “longa noite de pedra”.  Velaquí un libro esencial da memoria.

Historia dun tempo engaiolante

Te puede interesar