Historia de xente brava

Anarración histórica da caza sempre será a dos cazadores ata que o leóns podan facer a súa propia versión. Sentenza dun proverbio africano, cargado coa sabedoría popular acumulada, que proba o fenómeno da contaminación ideolóxica que vai na maneira de contar e no foco do interese ao que busca servir o relato da crónica social.
Así foi, na historia referida ao noso país, ate fai pouco tempo. É xusto e moi lícito, pois, que os leóns divulguen a súa versión alternativa. A verdade auténtica. Coñecer a nosa realidade, froito da evolución a través dos tempos, para encarar o futuro desde a confianza nos recursos endóxenos dun colectivo humano con personalidade diferenciada, sinais de identidade propia e patrimonio acumulado perante milenios.
Por iso, a Historia de Galicia de David Pérez López que vén de publicar Edicións do Cumio é un magnífico instrumento para “atopar as claves que outorgan a este pequeno recuncho de Europa Occidental, a categoría de nación”.  Presentada, sen complexo, coa finalidade de abordar o período que vai “desde o Big Bang ata a actualidade”, cumpre sobradamente coa expectativa anunciada para constituír unha peza divulgativa que debe pasar á bibliografía fundamental de textos da causa galega.
Un traballo que debulla polo miúdo a formación do territorio, partindo mesmo do po cósmico e da configuración do planeta Terra que propiciou a xeografía dos actuais continentes a partir da división de Panxea na que ocupamos, daquela, o seu centro topográfico para rematar na cornixa atlántica que nos aveciñou finalmente no mundo.
Polas trescentas páxinas van pasando os sucesivos poboadores, desde o asentamento máis antigo do que hai proba arqueolóxica ata o momento actual da sociedade tecnolóxica. Tempos ancestrais de esplendor coma protagonistas da bravura e resistencia ao invasor personalizados na figura dos galaicos que cimentaron a civilización castrexa pola que pasamos a formar parte orixinaria dos pobos celtas. Momento de declive que coa colonización foránea veu substituír ao reino suevo para encetar unha moi longa noite de pedra que, aínda, estamos procurando superar. Reverdecer cos movementos de liberación cultural e política que buscan gañar o espazo de referencia mundial que por potencialidade nos é posible. Historia de xente loitadora que, tamén, se viu obrigada ao éxodo dunha emigración forzada pola carencia de poder propio que traducira recursos naturais en riqueza de seu. Parabéns.

Historia de xente brava

Te puede interesar