A iconografía do galeguismo

Camilo Díaz Baliño: A xenialidade truncada. Velaí unha mostra homenaxe, necesaria, xusta e certeira; co gallo de conmemorar o Día da Ilustración, unha das datas destacadas no Calendario do Libro e da Lectura, que se celebra todos os anos o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Data para lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industrial cultural e boa ocasión para pór en valor e honrar aos autores galegos que forman parte da nosa tradición histórica á procura dunha marca de identidade de país, porque “non hai arte galega sen unha idea de redención de Galicia”, en palabras do propio Díaz Baliño. 
Este artista, cabezaleiro dunha saga familiar sonada que inclúe ao seu fillo, Díaz Pardo, e tamén ao seu neto Pepe Díaz; foi un creador moi prolífero que deixou forte pegada dunha marca persoal inconfundíbel, porén conectada coas vangardas do seu tempo e coa militancia nunha causa que buscaba transmitir ideoloxía a través do deseño. Unha manchea de traballos para cubertas de libros, revistas, carteis, escenografía, ilustracións variadas, obxectos relixiosos e ornamentais, murais, heráldicas, diplomas de recoñecemento e honra; e, perante varios anos, os grandes rótulos cos que se chamaba á xente nos míticos cines do emporio Fraga, adaptando ao formato de tamaño mural modelos que viñan coas cintas fílmicas, asimilando así as novidades foráneas.
Díaz Baliño é, en opinión do tamén deseñador relevante, Pepe Barro, estudoso da figura deste devanceiro, un ilustrador que realizou o seu traballo orientado sempre “ao servizo de comunicar unha historia”. Polo tanto, este creador moi completo, foi fundamental “man a man Castelao a se influír mutuamente, na configuración de todo o imaxinario gráfico que identificaría ás Irmandades da Fala e ao galeguismo ata a Guerra Civil”. Así, dentro das súas creacións, no marco desa relación coa imaxinería do galeguismo “o celtismo aparece como un tema fundamental, e a partir del tamén en Castelao. 
Os dous actúan como vasos comunicantes, e atopamos temas que introduce Castelao e que logo reitera Baliño e á inversa”. Camilo, que fala de Castelao como se fose seu irmán maior, “é o artífice desa gráfica simbólica que emprega elementos como a estrela branca que logo utilizará o movemento nacionalistas, coa franxa transversal azul e a fouce”.
Esta mostra debe tirar do esquecemento a un autor aínda pendente de descubrir. Unha persoa que fixo por militancia e de xeito altruísta gran parte do traballo artístico sumado así á causa do pobo galego no activismo galeguista. Situar na memoria histórica ao ilustrador incluído nas voces do “Lapis do carpinteiro” a quen o fascismo arrincou a vida, vilmente, o 14 de agosto de 1936.

A iconografía do galeguismo

Te puede interesar