O ideal da comunidade cooperativa

Lembramos nestes días un acontecemento que marcou un fito sobranceiro para o nacionalismo galego; isto é, o 85 aniversario da participación galega no Congreso das Nacionalidades Europeas, organización integrada na Sociedade de Nacións, antecedente directo da actual Organización das Nacións Unidas, ONU.  Un foro, celebrado na capital de Suíza entre os días 16 e 18 de setembro de 1933, no que se recoñecía o carácter nacional galego e, ao tempo, aprobaba a incorporación do noso país a esta entidade, mercé en grande parte a capacidade de mediación, habilidade diplomática e grande coñecemento das correntes de política continental que liderou o maxisterio universalista de Plácido Castro, delegado principal e verdadeiro “deux ex machina” no evento á fronte da Secretaría de Relacións Internacionais do Partido Galeguista.
Certo é que o camiño para o recoñecemento do noso país como nación e a súa incorporación ao Congreso das Nacionalidades Europeas, fundado en 1925, ten moito traballo colectivo detrás. Encontros, dentro do marco de relacións que constituía o “Galeusca”, cos responsábeis desta institucións europeísta; procura de apoios para formalizar a petición de adhesión, moita xestión de todo tipo ata acadar mesmo a presenza do secretario xeral da entidade, Ewald Ammende, da minoría alemá en Lituania, que se achegou a Galicia, na primavera de 1933, para afondar na relación co galeguismo e participar en diferentes actos públicos e manifestos á prensa da época para afirmar que o recoñecemento dos “dereitos das pequenas nacionalidades europeas son o camiño para solucionar os problemas entre os pobos e os estados”.  
Aínda máis, a delegación galega no cumio multinacional que xuntaba, por novena vez, a preto de trinta organizacións de moitas entidades nacionais sen estado, no Hotel Saboy de Berna, chegou ben arroupada por un rigoroso traballo, froito dun memorando elaborado por Vicente Risco e outras persoas do galeguismo militante no que se afirmaba a condición da nación galega, perfectamente e indiscutibelmente ben definida en base aos criterios internacionalmente asumidos ao efecto; consecuencia desta condición nace o dereito innegábel do pobo galego a dispor por si mesmo do seu futuro; e, claro é, reivindícase o uso pleno do idioma propio e o seu emprego no ensino. Conclusións que foron recollidas no plenario do congreso helvético. 
Plácido Castro, logrou alí facer práctico o ideal universalista de “Galicia, comunidade cooperativa” polo que “ao mesmo tempo que nos identificamos completamente coas realidades da nosa Terra, estamos en harmonía ideolóxica coas grandes correntes das nacións máis importantes do mundo”. Así, Castelao escribiu: “Galiza é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, polo IX Congreso das Minorías Nacionais, adscrito á Sociedade de Nacións”.  Éxito, aínda hoxe non superado, na inserción internacional do noso país. Para conmemorar.

O ideal da comunidade cooperativa

Te puede interesar