Indocilidade cultural

Indocilidade é vocábulo que suma o adxectivo indócil ao sufixo abstracto “idade” para expresar unha calidade, condición, característica ou estado da persoa ou colectivo que resulta rebelde, obstinado ou indisciplinado fronte ao intento de imposición déspota. Velaí a oposición, cando non o manifesto abuso, do poder dominante ou do sistema autoritario que trata de someter á rebeldía empregando toda caste de medios, incluída a difamación se para o fin de anular unha decisión  esta fose necesaria unha vez fallaron todos os intentos realizados por outras canles de acoso. 

Marco de referencia operativa que se reproduce moi frecuentemente fronte a toda iniciativa cultural de resistencia teimosa e indócil posta de manifesto, mais unha vez e de plena actualidade, coa iniciativa do grupo político do Partido Popular na Deputación de Pontevedra en relación ao apoio desta institución representativa ao Festival de Poesía do Condado, acusando de “apoloxía do independentismo” a un dos encontros poético musicais máis importantes e veteranos dos que se celebran neste país dos “mil festivais” que está a ser o territorio galego nos últimos tempos.

Resulta obvio que o interese desta iniciativa política ten como obxectivo cuestionar a subvención económica que a institución provincial ten acordada para facer posíbel este importante evento cultural, esquecendo intencionadamente que nos tempos en que a Deputación foi xestionada polos representantes da forza política inquisidora tamén se fixo achega de axuda económica a este evento poético musical, do mesmo xeito que está a recibir colaboración idéntica das institucións do goberno galego. É o xusto e tamén necesario para que un certame que vai pola edición número trinta e tres continúe a representar un importante papel no patrimonio cultural galego de base inmaterial. Lembremos que, como recoñecemento público do ente político provincial, a entidade organizadora, a Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, foi obxecto do outorgamento do galardón “Unha lingua de premio” pola súa contribución fundamental á causa do idioma galego; especialmente na súa vertebración no ámbito internacional da raíz ortográfica afín. 

O intento do grupo do PP na Deputación non só non vai lograr o propósito de facer dócil a este colectivo cultural, senón que provocará unha contribución impagábel á causa da divulgación deste festival, co efecto de “retroalmentación” a favor da entidade aldraxada ou de golpe búmerang que se volve en contra de quen lanza este trebello de facer dano, para facer máis popular e atractiva a chamada a participar neste acontecemento convocado a prol do  “Internacionalismo, ternura dos povos”, o próximo 31 de Agosto en Salvaterra do Miño arredor de multitude de voces chegadas de varios currunchos do planeta, boa música galega de face actual e coa poesía da máis acentuada vangarda na nosa lingua. Para sumarnos todos a un exercicio colectivo de indocilidade cultural. 

Indocilidade cultural

Te puede interesar