A industria da cultura

Culturgal, a Feira das Industrias Culturais galegas chega a súa décima edición consolidando un certame que fará da cidade de Pontevedra, novamente, un centro de concertación, encontro e promoción, arredor do produto cultural, “confortable, eficiente e orixinal con centos de liñas cruzadas entre público, expositores, creación, difusión, institucións, participación, venda, distribución, formación” e outros aspectos que teñen a ver con ese universo do coñecemento e do lecer que nos distingue como especie. Boa ocasión para reparar no valor engadido, para alén do aspecto inmaterial, que representa esta actividade no ámbito da riqueza económica e do traballo.
É un evento de indiscutíbel utilidade social impulsado e organizado pola alianza das asociacións galegas profesionais máis representativa do sector, a de Editores, a de Empresas de Artes Escénicas, a de Empresas Musicais, as dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías; e a de Produtoras Independentes. Por sorte, non falta o respaldo institucional do concello local que acolle esta cita anual, tampouco o de outras administracións ou entidades públicas e privadas que contribúen, xunto ás persoas visitantes para facer viábel unha proposta de éxito popular.
Para situar a dimensión da importancia que supón na economía sectorial e no emprego, é preciso lembrar que só a industria cultural galega que ten a ver coas actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical e as actividades de creación artística espectáculo son, en opinión do Observatorio do Consello da Cultura Galega, as que mellores resultados ofrecen no que respecta á contratación dun sector que suma á lista de afiliación á seguridade social máis de doce mil persoas activas. As cifras do Instituto Galego de Estatística, ademais deste dato, facilitan unha radiografía do índice pola que contribúen ao produto bruto da economía galega cunha facturación próxima aos dous mil millóns de euros. Este fenómeno, económico e cultural, que ten superada con éxito a reválida dos dous primeiros quinquenios de existencia cunha extensión e medre sostido no tempo, vai demandando expandir a súa capacidade de atracción e negocio para alén do límite actual. De feito, nesta ocasión aposta por traer ao recinto feiral do río Lérez “a Portugal como cultura convidada, nun intento serio de establecer relacións estables con axentes e institucións” culturais do país veciño. Novidade que xunto á do Espazo de Arte Contemporánea suman razóns para visitar e gozar do seu programa. .

A industria da cultura

Te puede interesar