Inventario do desenvolvemento sostible

coa borrasca intensa dun novo ciclón explosivo nas terras galegas é tempo de reparar nesa mudanza que se vén producindo estes últimos anos caracterizados por unha tardía chegada das primeiras chuvias outonais; atraso na choiva co que perde sentido o refraneiro popular que construíu unha sentenza de cobiza para o curto verán que tradicionalmente aliviou os días finais dos setembros pasados por auga: San Miguel das uvas, tarde chegas e pronto te vas. Efecto directo do innegábel cambio climático ou persistencia no modelo meteorolóxico dominante, certo é que vivimos épocas de veráns longos con días de moita calor coa consecuencias medioambiental que teñen na vaga de lumes, o punto máis acusado dunha catástrofe económica, ecolóxica e social para o país. 
 Perspectiva que leva á lembranza do quinto aniversario daquela magna, ambiciosa aínda sendo urxente e necesaria, proclamación da Asemblea Xeral das Nacións Unidas que no 25 de Setembro de 2015 deu a coñecer o acordo de ter aprobado a chamada Axenda 2030 que, como parte esencial, incluía dezasete Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: Pór fin á pobreza, fame cero no mundo, saúde e benestar para todos, unha educación universal de calidade, igualdade de xénero prioritaria, auga limpa e saneamento, enerxía accesíbel e non contaminante, traballo decente e crecemento económico en todas as xeografía do planeta; industria, innovación e infraestrutura como eixos de futuro; redución das desigualdades, cidades e comunidades sostibles, produción e consumo responsables, acción polo clima, vida submarina para preservar mares e océanos, vida e coidado atinado dos ecosistemas terrestres; paz, xustiza e institucións sólidas; e finalmente a procura dunha alianza para lograr acadar estes obxectivos que, visto o pouco andado, fican e desexos utópicos. 
Manifesto é que, coa sociedade cada vez máis sensíbel especialmente entre a xente moza, os xestos, declaracións e concertacións nesta meta van sucedéndose, malia ser a paso de tartaruga e coa eiva da actual pandemia sanitaria que pon patas arriba os ritmos de execución de plans de traballo. Respecto da acción polo clima, coa necesaria diferencia entre cambio climático e quentamento global, o Acordo de París fixou medidas de urxencia para evitar que a temperatura media da Terra non aumente en máis de 1.5 graos nos próximos anos; e na Convención Marco da ONU sobre Cambio Climático, de Katowice, afondouse nos Principios de Banca Responsábel para achegar recursos financeiros aos proxectos comprometidos na causa. Aprema percorrer o camiño.    

Inventario do desenvolvemento sostible

Te puede interesar