Un labirinto aterrador

As lendas e relatos de moitos dos textos clásicos permiten construír personaxes e lugares que se converten, co paso do tempo, en mitos, símbolos e metáforas que facilitan a labor didáctica. Categorías elevadas á función de interpretar situacións e procesos do mundo actual, en análise sociolóxica. Velaí o caso do Labirinto de Creta, tamén coñecido polo Labirinto do Minotauro. Minotauro era fillo de Pasifae, esposa do rei Minos de Creta e dun touro branco enviado por Poseidón, deus do mar. Minos ofendera gravemente a este deus quen, como vinganza, fixo que a esposa do rei mantivera relacións co animal. Froito diso naceu Minotauro, un ser violento, metade home, metade touro, que se alimentaba de carne humana. Para esconder a súa vergonza e protexer ao seu pobo, o rei pediu ao inventor Dédalo que lle construíse un labirinto do que o monstro nunca puidese saír. Porén, iso tiña un prezo: Sete mulleres virxes e outros tantos homes que se ofrecían á besta para ser devorados por ela. Un tributo por conta de Atenas, cobro de débeda. A lenda ten final feliz, cama os contos para rapaces. Teseo ofreceuse voluntario como vítima, coa intención de matar ao Minotauro e liberar á xente ateniense do cruel destino. Coa axuda de Adriadna, a filla do rei, que se namorou del, logrou o seu propósito. Unha madeixa de lá e unha machada de dobre fío facilitaron que sorprendese á criatura, acabara matándoa e logo puidese atopar facilmente a saída. A situación política española é, para o Presidente Rajoy, un verdadeiro labirinto no que se multiplican as ameazas. E toca escoller camiño á procura de atopar saída. Non chega coa súa fórmula tradicional de agardar que os problemas se disolvan no canto de resolvelos. Non. O tempo apura. As follas do almanaque van caendo sen parar. O conflito territorial é primeira e máis urxente das necesidades. A consulta popular en Catalunya ten data marcada no calendario, irá precedida por unha Diada quente e polo resultado do referendo en Escocia que botará máis madeira ao lume. Non queda outra: ou decidimos reformar a Constitución, para gañar tempo, ou isto estoupa. A negra previsión de resultados autonómicos e municipais, é outra. Mudar a lei electoral, máis alá da proposta, é descarado. A xente do partido mete presión. Xa que logo, algo haberá que facer. ¿Anticipar as leccións xerais?. É ben probable. Atentos.

Un labirinto aterrador

Te puede interesar