A lección dos mártires da liberdade

Nos moitos cemiterios de Galiza, repousan os derradeiros mártires da liberdade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza. Mais no de Pontevedra veu unha labarada que chega ata o ceo. Era o espírito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertence á Historia senón á Tradición en arume de lenda. Bóveda terá que ser nun mañá, próximo ou máis lonxe, a bandeira da nosa redención”; así, con palabras de honra e agradecemento, escribiu Castelao no seu discurso Alba de Gloria, logo integrado na súa magna obra de pensamento político Sempre en Galiza, o mesmo que antes xa fixera no debuxo icónico “A derradeira lección do mestre” para dar testemuña de recoñecemento á figura dos mártires cívicos da causa democrática e nacionalista. 
A derradeira lección do mestre, coa figura dun Alexandre Bóveda caído no chan pola balas criminais que puxeron fin a súa vida de “motor de explosión” galeguista, rodeado por dous cativos que ollan para a súa faciana de valor e militancia consecuente, nun escenario que simboliza tamén a matanza infame de persoas socialmente comprometidas para logo ser guindadas inmoralmente nas beirarrúas das estradas e corredoiras polo país adiante; é unha das dez estampas gráficas debuxadas a tinta chinesa que forman o álbum Galicia Mártir, que Castelao editou para petar na conciencia dos demócratas e asegurou estar “arrincadas da miña propia dor”,  dedicadas aos galegos que andan polo mudo “que sempre quixestes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruír o fogar desfeito”.  Testemuña gráfica que cobra forza na sentenza “non enterrar cadáveres, senón semente de futuro”. 
A mensaxe de solidariedade e recoñecemento para esas vítimas que soportaron morte, persecución, aldraxe e moitas outras formas de represión tomou do título desta obra a proposta de dedicar institucionalmente o Día da Galiza Mártir, cada 17 de agosto, data do fusilamento de Bóveda, á memoria das e dos galegos vítimas do franquismo. O rianxeiro universal non limitou a súa achega gráfica á causa da memoria dos demócratas vítimas dun calculado proceso de exterminio, coa aparición deste primeiro álbum, non. Detrás del seguiron, coa mesma forza expresiva, o titulado Atila en Galicia; e Milicianos, todos aparecidos no período da guerra. 
Aínda máis, anos máis tarde no exilio do Alén Mar, trasladou “A derradeira lección do mestre” a unha pintura ao óleo de máis de dous metros de altura, un cadro que pola súa simboloxía adoita ser considerado o “Guernica galego” que agora chega dende o Centro Galego de Bos Aires á compostelá Cidade da Cultura para ser o eixe central da mostra Castelao Maxistral. 
 

A lección dos mártires da liberdade

Te puede interesar