Legado da música coral galega

Cóntase a xeito de anécdota alegórica e aínda así ten moita probabilidade de ser rigorosamente certa que unha concreta agrupación coral galega que non vén ao caso identificar, certo día foi convocada polo seu director para realizar unha última posta a punto da súa afinación antes de actuar nun certame competitivo do sector. Colocados nun recuncho do espazo da audición, a persoa responsábel da batuta viuse sorprendido polo feito da ollar para unha parte dos integrantes do grupo musical que, de súpeto, deixaban de entoar a peza escollida para esta labor de último ensaio. Preguntou a que de debía ese inesperado silencio e, por resposta, escoitou que era unha necesaria reacción fronte ao asexo do que estaban a ser obxecto por outros competidores que procuraban coñecer o seu matiz. Si, ese matiz que fai singular e dota de forza e identidade propia. 

Matiz que fai da exposición Son de Galicia unha mostra de enorme valor pedagóxico coa que se reconstrúe o legado dos máis sobranceiros coros galegos e, a través da súa traxectoria, da mesma historia deste país dende os tempos das Irmandades da Fala coa que se impulsou esta forma de galeguidade, xermolo do actual movemento nacionalista, que contribuír de xeito fundamental á creación da nosa identidade cultural.  Cun discurso expositivo que permite coñecer o labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua, ou mesmo os traballos de pescuda a prol da vestimenta galega típica entre outras moitas funcións nas que non pode deixar de citarse a creación propia de pezas musicais coa súa composición ou posta en escena. A misión didáctica desta exhibición visual e auditiva percorreu xa varios os lugares relacionados coas catro masas corais que compoñen o relato e agora chega ao Museo do Pobo Galego para cumprir a súa misión de divulgación popular. 

Detrás dos paneis está o traballo de moitas persoas baixo a coordinación do Consello da Cultura Galega, como entidade organizadora, institución cultural que pon ao noso dispor unha publicación gratuíta, en formato libro, co mesmo título, evolución do que ía ser o catálogo da exposición e foi collendo vida de seu ata ocupar cento vinte paxinas con achegas sobre a importancia histórica dos coros no seu contexto, o análise dos coros galegos históricos, os coros e o teatro, os coros galegos e as Irmandades da Fala, o traxe galego dos primeiros coros e o relato da música e coros galegos na emigración, concretado no caso de Bos Aires. Homenaxe máis que xusta aos promotores iniciais e a todas a persoas ou entidades que fixeron posíbel esta contribución á cultura galega e a súa marca de identidade, nunha historia centenaria que aínda hoxe está non só viva senón que estendida e puxante polo efecto sobre unha manchea de agrupacións que agora continúan esa labor. Recoñecemento, agradecemento e necesidade de continuar ese camiño. 

Legado da música coral galega

Te puede interesar