A letra pequena

Os datos da nova Enquisa de Poboación Activa, correspondentes ao segundo trimestre do ano actual, resultan enganosos se reparamos só no titular simple, feito á medida do interese político do Goberno: O paro descende en comparanza co ano anterior, por máis que se reduza o total da poboación ocupada. O asunto non é así. Ten letra pequena. Esa que esconde a situación dramática que se vive aínda no mundo laboral galego ou español. Por moito que Rajoy non tardase nin un minuto en apuntarse  mérito coas cifras brutas, asegurando que son froito da súa “estratexia de política económica en materia de emprego”; e xa lanzado, non se corta o máis mínimo en santificar que o mercado de trallo ven de dar “un xiro de 180 graos e mudou de ciclo”. Está no seu papel, ademais confesa que leva todo o período de mandato agardando en “dar unha boa noticia”. O pobre agárrase a un cravo ardendo. Comprensible coa traxectoria que leva nesta materia. Certo é que as súas palabras, máis alá da propaganda, teñen o mesmo bo desexo, iso non se dubida, cas pronunciadas pola Ministra de Emprego e Seguridade Social: “o emprego de calidade é fundamental, pedra angular, para construír unha sociedade máis xusta e para garantir a igualdade de oportunidades”. Moi ben, moi ben. Si señora. Concordamos.
Sen afondar na condición de precariedade, contratación a tempo parcial, fórmulas de becas e situacións de prácticas laborais que agochan contratación en fraude de lei, ou citar o recurso a salarios mesmo por debaixo do mínimo interprofesional, acompañados de situacións que forzan a realización dun horario abusivo non retribuído: o incremento de empregos ten beneficiado aos que peor o están pasando?.
Pois en principio, non. Os fogares nos que ningunha persoa ten emprego medran en datos absolutos, no trimestre, alcanzando o seu máximo histórico, cifra camuflada no informe. Si consideramos o escaso aumento das familias onde só hai unha persoa con traballo, o caso das unidades familiares onde non traballa ninguén vai ser a típica en moitas zonas do territorio. Agravada pola incapacidade de acceder aos servizos públicos básicos e universais, ameazados pola nova carta de recortes anunciada.En conclusión, a EPA, ademais do triunfalismo sen conto dos nosos ministros, dinos que España avanza tamén no camiño da pobreza, a desigualdade e a miseria dos servizos públicos. É a letra pequena. A crúa realidade.

A letra pequena

Te puede interesar