Letras á sombra da pandemia

A pandemia vírica  que mantén ao mundo enteiro engaiolado nunha situación de alarma coa que se alteran radicalmente os nosos hábitos de vida cotiá, colonizando os usos sociais tradicionais, ata o punto de converter ás celebracións periódicas anuais en momentos lastrados pola gravidade sanitaria que afecta ás xentes do planeta, apagando o foco que normalmente proxecta luz sobre a causa que motiva a súa conmemoración. Velaquí a sorte que lle tocou a festa, tan agardada por necesaria aínda, das Letras Galegas. Unha oportunidade ben atinada na súa xénese para exaltar a nosa lingua a través da manifestación literaria dunha figura sobranceira da cultura galega. Porén, nisto sen ser paxaro de mal agoiro, semella que a simboloxía do ideario político e da orientación da obra escrita e divulgada por Ricardo Carvalho Calero, o autor escollido para esta ocasión, foi e continúa a ser tan incómoda para boa parte da caste académica e institucional que mesmo cando non puideron frear o feito de ser inevitable a súa consideración pública, a sobrevinda invasión do maligno bicho vai alterar gravemente una vez máis á normalidade arredor deste persoeiro fundamental no estudo e na orientación da normativa ortográfica do idioma, un sinal de identidade que nos fan únicos no universo. Maldición bíblica a xeito de código lingüístico.

Coa petición convertida en clamor para que se prorrogue a conmemoración do ano Carvalho Calero, dadas as circunstancias evidentes da imposibilidade de ser conmemorado con toda a dimensión e utilidade que compre, malia a situación de anormalidade o vindeiro 17 de Maio é ocasión para, una vez máis, manifestar que precisamos do idioma propio. Reivindicar con novos formatos e por canles diferentes, dende as xanelas e varandas das casas ata a fiestra das redes sociais para manifestar que a nosa lingua non ficará confinada porque “queremos galego”. 

Lembrar que os ensaios, publicacións e opinión manifestada de Carvalho Calero “analizaron perfectamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso. Aínda por riba desta limitación, acumulamos anos de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego. A última década resulta particularmente escandalosa no maltrato que as autoridades autonómicas usan para co galego: non se trata xa de o contemplar como un mal menor, un ritual prescindíbel ou un símbolo vougo, senón que se procedeu directamente a lexislar na súa contra, confinalo aínda máis do que xa estaba,  con todo servilismo á indiscutida lingua oficial do Estado”.

É tempo de asumir  “a nosa responsabilidade, isto é, a das persoas que nos recoñecemos como pobo galego e queremos exercer non só os nosos dereitos de uso e devolución do noso idioma senón que tamén nos sentimos vinculados a un debes inescusábel: o de sermos dignos de quen nos precedeu, non adorando lápidas senón continuando o seu labor de dignificación da lingua, amándoa con obra e non só con palabras que leve o vento”.  En galego sen límites por dereito.

Letras á sombra da pandemia

Te puede interesar