Sábado 15.12.2018

Lingua e creatividade en feminino

Unha tese de doutoramento que vén de analizar o tratamento da cultura nos dous medios de máis numerosa difusión no ámbito galego da prensa escrita, perante a dúas últimas décadas do pasado século, en boa lóxica proxectadas tamén nas do presente, amosa a existencia dun tratamento relegado a páxinas secundarias, moitas veces mesturado con temáticas afíns, que só se chega á portada en contadas ocasións, as máis das veces para indicar o falecemento dalgún persoeiro do mundo cultural. Por iso, é cativa a información que fala da celebración da Gala coa que remata o Ano da Lingua, unha forma temática de dinamización que se impulsa dende Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, coa filosofía de descentralizar unha conmemoración formal e festiva. 
Precedida das anteriores Anos de Castelao, primeiro, e do Patrimonio no seguinte, toca agora relacionar lingua e creatividade artística en clave de muller. Por iso, o acto principal de peche estará absolutamente marcado polo acento feminino, sexa en voz poética, de actuación teatral ou de construción escénica; e nas actuación musicais de grupo. Mesmo o deseño do cartel é produto do traballo dunha deseñadora que a súa vez leva a imaxe gráfica doutra; e, non é casual, que o concello no que se realizará esta actividade estea presidido por unha alcaldesa. É unha acción de pór foco no traballo da muller a prol de recoñecer de xeito visíbel a importancia das súas achegas actuais, e tamén pasadas, ao patrimonio da cultura galega actual e, coa mesma ou máis importancia se cabe, ao proceso de normalización do noso idioma nas variadas manifestacións. 
Con este programa, do mesmo xeito que tamén co chamado Musigal, búscase a democratización da participación dos concellos favorecendo a súa programación artística na procura de acadar entre os seus obxectivos o da “dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva do noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación” no ámbito territorial da provincia. 
Poñer en valor a lingua galega desde a perspectiva de xénero, facendo visíbel o momento de potencialidade creadora que vai parello á revolución das mulleres e do pensamento feminino é necesario para que, na opinión pública, se asuma o rol destacado dunhas voces poliédricas que veñen estando, seguen a estar e aumentarán máis aínda a súa importancia na faceta artística. Boa maneira, tamén, de pór ramo ás Letras Galegas do presente ano que vén de celebrar o Simposio María Victoria Moreno que “afondou no seu compromiso coa lingua e a cultura expresado tamén a través do seu labor como docente ou autora de libros de texto pioneiros”. 

Lingua e creatividade en feminino
Comentarios