Lírica ao xeito vello para xente nova

Lírica e palabra que define un adxectivo cando expresa algo relativo o pertencente a ese termo verbal, a lírica,  xa poética, xa musical. Mais tamén,é substantivo feminino utilizado na literatura para expresar un dos xéneros máis importantes da poesía, xunto co épico, co dramático, co satírico e con outras formas, neste caso por unha exaltación do subxectivo. Porén, como substantivo feminino, así mesmo, define un xénero musical que inclúe obras teatrais compostas para ser cantadas con acompañamento de orquestra e coros. Harmónica irmandade, a música e a poesía, que dan forma a unha das propostas pensadas para conquistar novas adhesións ao proceso normalizador da nosa lingua, gañando para esta causa de supervivencia do idioma á xente máis moza, afastada da súa pegada nos trebellos de lecer da nova era tecnolóxica e social.

Velaí, a memoria que trae xustiza e honra coa lembranza de Xosé Fariña Jamardo, no centenario do nacemento, que será conmemorado na súa vila natal de Caldas de Reis nun acto académico organizado pola Irmandade Xurídica Galega que el animou na súa misión galeguizadora da Administración de Xustiza, o Parlamento Galego do que foi o seu primeiro Oficial Maior, da Deputación de Pontevedra na que rematou xubilándose como Secretario xeral, e polo Concello desta localidade onde veu á vida en 1919 e no que se descubrirá un monumento de homenaxe. 

Tempo para recordar a traxectoria dun galeguista convencido que tivo que lidar a convivencia co sistema xurídico, político e institucional do período franquista nunha administración local na que deixou fonda pegada pola súa vocación innovadora, o rigor na xestión e o interese por divulgar a súa importancia na misión de artellar país, expresada en multitude de traballos de ensaio e investigación, feito que non lle impediu crear para a literatura galega outras obras de narrativa e poesía, arredor de dúas ducias, que comezaron con aquela “Poemas ao xeito vello para unha vila nova”, agarimo e admiración para O Carballiño na que ocupaba a Secretaría municipal en 1957.

No entanto da celebración do centenario do autor de “Co sorriso nos beizos”, “O mesón do birollo”, “A liña”, “Tiroliro a sete voces” e “Golfaróns de sangue”, entre outras obras; agora honrado nas beiras caldenses do Río Umia; nenas e nenos cantarán na raia fronteiriza con Portugal, ao pé do Río Miño no certame musical “No bico un cantar”, iniciativa do Consello de Cultura Galega con apoio institucional, que ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares do país; xuntando rapazada que está a cursar estudos superiores en academias, escolas municipais  e conservatorios galegos para interpretar obra expresa ou adaptada de compositores e autores poéticos propios de nós. Porque “No rego do prado / canta a cotovía / -paxariño amado / que che ben quería-”. Memoria, música e poesía para garantir idioma propio.

Lírica ao xeito vello para xente nova

Te puede interesar