LITERATURA GALEGA CON PREMIO

Edicións Xerais de Galicia, un ano máis, convida subir a bordo dese barco, eternamente ancorado na baía de San Simón da ría viguesa, coa masa dunha insua grande. É a cita tradicional dos premios máis cobizados da literatura galega, nunha xuntanza que congrega ás xentes do mundo editorial e literario nun espazo de liberdade, militancia e compromiso coa causa da lingua e cultura que nos dá identidade e personalidade diferenciada de país. Un evento que é merecente de formar parte sobranceira do catálogo de bens do patrimonio inmaterial da comunidade.
A sensibilidade deste selo editorial, co músculo eficiente da dirección comercial do Grupo Anaya do que forma parte, sumada á fidelidade amosada polo capital internacional que avala a continuidade dunha iniciativa, que vai pola trixésima segunda edición do Premio Xerais de Novela, é garante dun suceso que vai poñer na man do lector unha das mellores achegas que nesta materia pode agardarse da creatividade literaria dos autores ou das autoras que teñen como foco de referencia a nosa lingua.
O mérito desta aposta empresarial, co arranque no pasado século, non remata aquí. Aínda hai máis, moito máis, e probablemente máis importante polo que ten de futuro.
Novos lectores seducidos coa paixón emotiva que sae do Premio Merlín de Literatura Infantil que nesta ocasión chega a edición número trinta. Tres décadas de moi boa literatura para esa rapazada na idade de beber da fonte onírica que ten o seu manancial máis caudaloso nos títulos da colección que dá nome ao premio, unha metáfora da maxia que o druída Merlín utiliza para engaiolar á xente que busca saber. Xunta aos anteriores, referentes de longa traxectoria, outro novo premio da factoría Xerais vén a encher ese tramo intermedio entre os lectores noviños e os maduros.
É o Jules Verne de Literatura Xuvenil do que se convoca a sétima edición. Como non podía ser doutro xeito, toma o nome do autor de “Vinte mil leguas baixo dos mares” que tivo a ben situar ao submarino Nautilus, comandado polo capitán Nemo, na Batalla de Rande que aínda mantén asolagado o seu mítico tesouro nas augas desta ría. Para sorte da literatura no idioma propio, tamén celebramos o traslado para a lingua galega de textos de outras culturas que veñen de ser recoñecidos nos premios Plácido Castro de tradución. Entre eles o traballo da xaponesa Mona Imai, que nos achega unha novela da súa cultura natal. O seu facer é outro xeito de premio para o galego.

LITERATURA GALEGA CON PREMIO

Te puede interesar