Lume novo

Andamos metidos de cheo nas Festas do Nadal que veñen marcadas por unha conmemoración que, lonxe da tradición histórica do que foi o seu pasado entre nós, agora vese contaminada pola importación de modelos foráneos impulsados pola estratexia mercantil dun consumo que nestas datas acada as cifras máximas do ano. Porén, non sempre foi así e resulta útil lembrar a traxectoria da que vimos, no antes de onte temporal. Un lugar, no pasado, convertido en metáfora que circula polas redes sociais a xeito dunha felicitación que asigna o Apalpador para desexarnos “bo solsticio de inverno, infieis”. Expresión certeira que apunta á orixe da festa. 

Velaí, o solsticio de inverno corresponde ao momento no que a posición do Sol no espazo estelar está á máis grande distancia angular negativa do ecuador celeste. Cousa que vén a suceder entre os días 20 e 23 de Decembro, no hemisferio norte no que residimos. É o período no que a noite ocupa moito máis tempo que o día. Simbolicamente é tempo de escuridade e clima hostil que vai durar aínda tres meses antes da chegada do equinoccio que dará paso á primavera. Na mitoloxía dos pobos ancestrais estas datas son momentos de forte pegada por tratarse do transito a meses de fame e privacións nas que resultaba necesario sacrificar animais para evitarlles a carencia de pastos ao tempo de ver o froito do viño fermentado e a colleita doutros produtos da natureza que sumados predispoñían á celebración conmemorativa e ritual. 

Evolución desa práctica milenaria, o Nadal como unha das máis populares celebracións cristiás arrancou como Natalis Dómini alá polo século cuarto da era actual, no territorio romano e foi estendendo esta festividade progresivamente polo conxunto dos lugares do imperio, asumindo e integrando as efemérides locais arredor do solsticio. Por iso, o nacemento de  Xesucristo situouse na data do 25 de Decembro porque ese era o día do solsticio de inverno cando se creou o calendario xuliano, nunha aparente contradición co feito de iniciarse o cómputo temporal posterior a Cristo, facendo que este nacese seis días antes do seu propio período histórico. A iconografía que se asocia ao rito católico foi conquistando á sociedade occidental e xa pouco fica do culto primitivo. Mais, beléns e Reis Magos atoparon un feroz competidor na árbore de Nadal ou nese persoeiro do Papa Noel, creación de deseño a partir doutras figuras ás que se asocian coa practica de agasallar un presente á xente máis moza; incluído o Apalapador ou Pandigueiro. 

Nacen outras iniciativa que van collendo pulo de tradición, caso do Belén de Valga ou do convite a tomar as uvas en Vilagarcía ao mediodía, porén aínda é posíbel ver o respecto a sinais de identidade propias, caso do Tizón de Nadal, o do lume novo que traerá un próspero aninovo.

Lume novo

Te puede interesar