• Martes, 18 de Septiembre de 2018

Mártires con causa xusta e morte inxusta

ártir é, na súa definición académica, toda persoa que padece persecución

ártir é, na súa definición académica, toda persoa que padece persecución ou morte pola súa fidelidade a unha causa. É quen foi fiel a unha causa xusta, contraria ao interese dos poderosos, e rematou como vítima dunha morte inxusta ou dun suplicio inmerecido por persecución. A xénese da súa figura asociase ás xentes que sufriron tormento na evanxelización cristiá e, dese xeito, venerábanse coma santos e todo o que se relacionaba con eles era obxecto de culto na institución católica. Velaí a icona que se escolleu para honra ás vítimas da represión franquista, maxistralmente sinaladas por Castelao no texto da súa Alba de Gloria: “Nos moitos cemiterios de Galiza, repousan os derradeiros mártires da liberdade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza. Mais no de Pontevedra veu unha labarada que chegaba ata o ceo. Era o espírito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertence á Historia senón á Tradición en arume de lenda. Bóveda terá que ser nun mañá, próximo ou máis adiante, a bandeira da nosa redención”. 
Por iso, un ano máis acudiremos á cita na lembranza dos mártires cívicos da causa democrática e nacionalista que convida honrar a súa figura senlleira, Alexandre Bóveda, e con el a todas as demais mulleres e homes que padeceron persecución, aldraxe ou morte por defender a nobre causa dos valores da liberdade, da igualdade e da fraternidade que caracterizaron ao réxime político nacido da vontade popular fronte ao que se sublevou o golpe militar de Franco e do resto das tropas fascistas. Como cada 17 de agosto, na paraxe de A Caeira, en Poio, lugar no que as balas do pelotón de fusilamento arrincaron a súa vida; no cemiterio de San Amaro, ao pé do sartego onde repousan os seus restos mortais e na mesma cidade de Pontevedra, loarase  o seu legado de traballo, entusiasmo militante e compromiso insubornábel coa causa nacional galega.
Reivindicarase, novamente, a consideración desta data como Día da Galiza Mártir na memoria e honra de todas as persoas que deron a súa vida, foron vítimas da represión en calquera das súas formas ou soportaron exilio por defenderen as liberdades e dereitos democráticos ou nacionais do pobo galego, hoxe en día, recoñecidos no marco legal. Tamén, o deber inescusábel de promover a rehabilitación da figura pública e política de Bóveda; e, representado nel, de todas as vítimas. A comezar pola revisión do proceso e anulación da sentenza de morte ditada no fraudulento xuízo. 
Por unha eficiente política de Memoria Histórica que abra fosas, recupere o uso público de lugares usurpados e faga xustiza á “derradeira lección do mestre”.