O maxisterio dos paporroibos

Paporroibo, é con absoluta certeza o primeiro paxaro que canta ao amañecer. Na súa insulsa definición científica como “erithacus rubecula” etiquétase como ave da familia dos muscicápidos, de cor olivácea e nas partes superiores, coa parte dianteira da cabeza e da gorxa e o peito rubios e ventre abrancazado. Por iso, este substantivo masculino na súa consideración gramatical precisaba dunha man que fixese del algo máis atraínte e tenro, se iso cabe, buscando o seu lado feminino para convertelo nunha fonte pedagóxica coa que aprender a ver co máximo proveito e total respecto o patrimonio arqueolóxico e natural que abonda nos montes e fragas do noso país. Velaí a misión do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da Universidade de Vigo, que vén de publicar unha “Guía de boas prácticas na visita aos sitios con arte rupestre” na que Beatriz Comendador, coordinadora do grupo e profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense, é a responsable da edición científica, autoría de textos e da maqueta, contando con debuxos de Víctor Vázquez, que dá imaxe a Tchac-Tchac, a “paporroiba”, un símbolo que serve para humanizar os consellos prácticos como icona que xungue aos patrimonios cultural e natural. 

Esta publicación, accesible na rede de internet de xeito altruísta, busca ser un instrumento para percorrer os enclaves con arte rupestre, sexan estes gravados ou pintados.  Un material educativo de gran valor para traballar as visitas escolares, antes de ir e á volta delas, feito á medida dun público amplo e, loxicamente, dos das etapas iniciais do ensino regulado ao tempo de constituír unha ferramenta didáctica para educadores que queiran traballar contidos transversais en educación patrimonial dentro e fóra das aulas; por iso, ten dous niveis de lectura: unha para os responsábeis da docencia e outro para o alumnado. É un manual útil que vén encher un baleiro.

Comeza por lembrarnos que “a nosa paisaxe foi marcada dente tempos prehistóricos, polos grupos humanos que habitaron neste territorio e tatuaron as rocas deixando nelas a súa mensaxe rupestre”, a xeito de petróglifos con motivos simples ou máis complexos. Comunicación simbólica, labrada ou pintada, como expresión artística que perdurou no tempo compoñendo un todo coa paisaxe na que está inserida que lle dá foco e para a que, na Guía, se incorporan consellos buscando unha óptima visión, ollándoas na forma, momento temporal e con axudas divulgativas que permitan o seu tratamento na ficha modelo que se propón. Iso si, sabendo que nunca se deben “marcar as pedras con xiz, tella, carbón nin ningún outro elemento, xa que estragarían o petróglifo”; patrimonio que herdamos dun pasado milenario e que debemos preservar intacto para o mundo galego do futuro. É só unha pequena parte do maxisterio dos paporrubios condensado nunha publicación de vinte páxinas que vén a incidir na fraxilidade desta parte do noso patrimonio de memoria colectiva, vítima do desleixo institucional á hora de afrontar a súa boa conservación. 

O maxisterio dos paporroibos

Te puede interesar