Memoria da Revolución de Outubro

onmemórase o centenario da considerada Revolución de Outubro coa que se acadou un fito histórico na esperanza por forxar unha sociedade máis xusta, nomeadamente para as clases sociais menos favorecidas, a dos obreiros, soldados e campesiños que lideraron este movemento de rebeldía co que nas horas que marcan o tránsito da noite do 25 de outubro de 1917 ao día seguinte, instauraron unha nova etapa coa conquista do simbólico Pazo de Inverno da vella capital rusa, Petrogrado, para proclamar: “A causa pola que o pobo ten loitado; isto é, oferta inmediata dunha paz democrática, abolición da propiedade que sobre a terra teñen os terratenentes, exercer o control dos traballadores na industria e crear un goberno dos soviets; fica asegurada”. 
A historiografía sabe que as datas non son exactamente así. Na translación ao calendario gregoriano que rexe o paso dos días no mundo occidental, estes feitos corresponden ao 7 de novembro aínda que é rigoroso a súa consideración en Outubro conforme co sistema xuliano polo que se rexían os almanaques rusos dende as etapa imperial dos Romanov. Certo é que, como sempre sucede en actuacións revolucionarias de éxito, estamos diante dunha data mítica, simbólica é determinante mais non só a única importante, todo o contrario. Cando menos, tomando en empréstito o título dunha afamada obra do norteamericano John Reed, testemuña directa do proceso, falaríamos dos “dez días que estremeceron ao mundo” entre os que debe salientarse a elección, polo congreso panruso de delegados, do novo goberno denominado Consello de Comisarios do Pobo, encabezado por Lenín e acompañado, entre outras figuras históricas relevantes, por Trotski, na Comisaría de Exteriores; e Stalín, na de Nacionalidades.
Ben se pode considerar que a Revolución rusa condensou, no espazo de 10 meses de 1917, catro revolucións: febreiro, xullo, agosto e outubro. A caída de Nicolás II e da súa dinastía, tras unha inmensa insurrección obreira, en febreiro. En xullo, a insurrección proletaria foi esmagada, os bolxeviques e outras organizacións de esquerda ilegalizadas. Un mes despois o poder decide afogar en sangue o proceso revolucionario nunha operación que fracasa pola folga xeral que paraliza e impide os desprazamentos de tropas. É o momento do “todo o poder para os soviets”.
Fai cen anos comezou unha revolución de innegábel carácter democrático que, entre outros logros, rematou coa participación rusa na guerra; entregou a terra á quen precisaba dela, o campesiñado; impulsou o ensino laico e gratuíto para todos; recoñeceu a igualdade de dereitos para mulleres e homes; impulsou un sistema sanitario e de prestacións universais e consagrou o dereito de autoderminación nacional, base da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas.   

Memoria da Revolución de Outubro

Te puede interesar