Memoria insuficiente

Memoria insuficiente é construción léxica que suma o substantivo memoria co adxectivo insuficiente para facer desta expresión a temíbel advertencia que amosan certos dispositivos electrónicos á hora de almacenar información ou de executar unha tarefa informática. Porén, memoria insuficiente, có acento posto na significación da cualificación académica que non chega ao aprobado, é metáfora que permite facer unha valoración do proxecto de Lei de Memoria Democrática que vén de aprobar o Consello de Ministros, no que o denso texto de cinco títulos e 66 artigos, aínda representando un notorio avance a respecto da vixente Lei 52/2007, de Memoria Historia, e sen contar coa desconcertante mudanza no rótulo de histórico por democrático, evidencia graves eivas a respecto da esixencia do movemento asociativo de base social, pola memoria, que até agora turrou da causa das vítimas do franquismo, na procura de verdade, xustiza, reparación e da non repetición dos feitos, a favor da súa lembranza e da honra debida.

Co experiencia constatada da traxectoria que seguiu o actual ordenamento legal nesta materia, e sen afondar na escasa ou nula vontade que demostran as institucións públicas á hora de facer executar o seu cumprimento, aspecto que se mostra con escarnio na permanencia de símbolos, rueiros, inscricións, estatúas e outros elementos de exaltación do franquismo que poden ser atopados en todos e cada un dos lugares do país, con algunhas excepcións modélicas na actuación de gobernos municipais, o contido do proxecto aprobado polo Goberno, na súa tramitación parlamentaria e posterior aprobación polo Congreso, precisa dunha extensa remuda que, con valentía política, revise o lastre do pacto da Transición constitucional que estableceu unha amnistía que permitiu que aquelas persoas que foron parte activa da represión non teñan sido chamados a responder da súa responsabilidade perante os tribunais de xustiza, dos crimes de lesa humanidade cometidos. Peor aínda, en moitos casos marcharon con gabanza e tributo público. No documento sometido á consideración dos deputados tampouco se inclúe unha imprescindíbel reforma do Código Penal que permita sancionar o enaltecemento do franquismo e a exhibición de simboloxía fascista, aínda creando unha futura e indefinida Fiscalía de Sala no Tribunal Supremo.
Sen esgotar o relatorio das deficiencias, entre outras no que atinxe ao modelo de exhumacións, polo que respecta ás datas conmemorativas que se propoñen, ignórase que no ámbito galego fai moitos anos que lembramos o 17 de Agosto como Día da Galiza Mártir, para dignificar a lembranza de todas as persoas vítimas do franquismo que soportaron morte, aldraxe ou persecución por ser fieis á causa democrática e nacional do país; pretender celebrar o 8 de maio como Día do Exilio, cando resulta que ese día, en 1945, significou para centos de miles de exiliados republicanos españois, máis aló do seu desafogo pola derrota do nazismo, recordo de que quedaban 30 anos máis de exilio e por tanto non se entende a escolla desa data para conmemorar o fenómeno. Mágoa dunha norma insuficiente. É tempo de emenda. 

Memoria insuficiente

Te puede interesar